
O departamento de Medio Ambiente do Concello de Boiro xunto co Club de Ciencia do IES A Cachada levan a cabo un proxecto que ten como obxectivo “dar a coñecer as especies de algas máis comúns nas nosas praias”. O proxecto consta de varias actividades que se van desenvolver durante os meses de novembro e decembro.
Os obxectivos principais do Proxecto Algas son “coñecer as especies máis comúns de algas nas praias do concello, concretamente as do entorno da praia de Barraña, así como comprender a importancia do argazo para a vida e para os ecosistemas mariños e do litoral; coñecer os usos tradicionais e industriais das especies presentes no noso litoral e tamén as novas aplicacións destes organismos; e espertar a curiosidade dos rapaces e rapazas sobre as algas”.

O proxecto está compostos por cinco actividades distintas. A primeira delas, unha charla de introdución ao mundo do argazo e a elaboración dun algario, celebrouse o martes 31 de outubro nas instalacións do centro. O alumnado aprendeu sobre as características morfolóxicas e ecolóxicas das algas, as especies máis habituais da zona, os usos que se lle poden dar e o modo de crear un algario para o seu estudo e as formas de recolección.
Nas vindeiras semanas vanse levar a cabo as demais actividades do proxecto que consisten en saídas para a recolección de algas e o seu secado; extracción dos pigmentos das diferentes algas recollidas; fabricación de mostras de bioplástico e envases cos extractos das algas; e unha degustación de produtos feitos con algas.