O Centro Cultural da Capela, na parroquia rianxeira do Araño, albergará en decembro, desde o venres 8 ata o domingo 10, a celebración da terceira edición do evento cultural Hórreo Vivo, organizado pola asociación de veciños e o colectivo cultural A Carballeira de Baia. O primeiro día, a partir das catro e media da tarde, a asociación Avora celebrará unha serie de obradoiros, empezando con instrumentos de cana e ás 19.30 horas desenvolverase outro de chapas e deterxentes naturais. Entre ambos os obradoiros haberá, ás 18.00, unha función de teatro infantil con Teatro Calavera e a obra Onde está Larry? Ás dez da noite será a quenda dos monólogos de Celso Martín e Oswaldo Digón, seguidos dun concerto con The Cuncas.
O sábado 9, haberá unha tarde en familia con inchábeis, xogos xigantes tradicionais e de madeira; para as 19.00 horas programouse teatro infantil con O apalpador e as palabras perdidas coa Xanela do Maxín; e ás 21.30 empezará unha cea-baile con empanadas, callos, laconada, sobremesa, café, viños e refrescos, podendo apuntarse no 680 473 283. E para o último día, dedicado a Santa Baia, haberá no Campo da Carballeira unha misa (12.30) e a actuación dos gaiteiros de Buxaina, e ás 13.30 horas dará comezo unha sesión vermú, unha mexillonada e un concerto de Paula Arufe.