
O alcalde boirense, José Ramón Romero, e o concelleiro de Urbanismo, Luís Ruiz, mantiveron na mañá deste venres 3 de novembro unha xuntanza co presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez Vilar, para trasladarlle as necesidades e melloras dos portos de Cabo de Cruz e Escarabote.
Segundo confirmaron, foi a primeira reunión de traballo mantida entre o alcalde e o actual presidente de Portos na que, ademais de trasladar ao titular de Portos algunhas das principais demandas para mellorar as zonas portuarias do municipio e a seguridade viaria nos principais accesos, Romero, Ruiz e Álvarez tamén realizaron unha posta en común de proxectos de futuro para a mellora destas infraestruturas costeiras e dos servizos nas mesmas.
“As principais demandas que lle fixemos chegar son relativas á renovación do pavimentado e iluminación para aumentar e mellorar a seguridade das zonas portuarias”, afirmou o alcalde. Neste sentido está prevista a renovación das luminarias no vindeiro exercicio.
No desenvolvemento da xuntanza falaron tamén da importancia do turismo náutico no municipio e o potencial dos dous clubs náuticos. “Temos dous clubs náuticos no municipio que cada vez contan con máis persoas usuarias, por iso se precisa da colaboración da Administración autonómica para seguir mellorando os servizos e aproveitar o potencial que teñen”, recoñeceu o alcalde.