Mesa de traballo en Porto do Son para elaborar a nova estratexia turística de Galicia 2024-2030

20 Novembro 2023

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado do alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, participou na mesa de traballo, organizada en Porto do Son, coas que se dá comezo á elaboración da nova estratexia turística 2024-2030. Esta folla de ruta pretende planificar con previsión e afianzar o modelo galego con medidas orientadas á sustentabilidade e a dixitalización, entre outros aspectos. Trenor destacou que “xa se celebraron máis de 10 mesas nas que participaron máis de 270 persoas en distintos concellos de Galicia. Esta semana entramos no ecuador das mesas, que terminarán o próximo 1 de decembro”.
A través destas mesas de traballo a Xunta comeza a traballar xa, en colaboración co Cluster de Turismo de Galicia e coas tres universidades galegas, no proceso de diagnose previo que permitirá coñecer de xeito analítico e, desde unha visión de conxunto, o estado de situación do turismo en Galicia.
Trenor explicou que estes días estanse a convocar as mesas de traballo nas que participan distintos axentes públicos e privados do sector. Alí expóñense as necesidades e retos para os vindeiros anos. Recóllese tamén información sobre a diversidade de perspectivas e desafíos que enfronta o turismo nas diferentes zonas da Comunidade.
Coa intención de dar cabida a todos os profesionais do sector turístico, esta información completarase coa recompilada a través dun cuestionario online no que poderán recoller a súa visión e suxestións. Por outra banda, para elaborar esta nova estratexia de turismo contarase tamén co aval científico das tres universidades galegas en coordinación coa Área de Estudos e Investigación de Turismo de Galicia, que realizarán unha análise científica sobre a oferta, a demanda e a cadea de valor do sector turístico en Galicia.
Galicia Destino Seguro O Goberno autonómico continúa así planificando o seu modelo turístico nun momento que, como constatan as cifras do Instituto Nacional de Estatística (INE), se está a recuperar o dinamismo tras a pandemia.
Durante este tempo o Goberno galego contou coa folla de ruta elaborada no contexto pandémico e lanzada no ano 2021, Galicia Destino Seguro, que está vixente ata decembro. Entre outros aspectos, permitiu impulsar coa maior celeridade posible a reactivación turística de Galicia tras a crise sanitaria provocada pola covid-19 e recuperar nalgúns casos indicadores de ocupación e rendibilidade anteriores á pandemia.
Trenor valorou na súa intervención o “excelente comportamento” que está a amosar o turismo en Galicia, despois de dous anos santos consecutivos, e que se traduce en que ata setembro Galicia rexistrou máis de 5,7 millóns de viaxeiros aloxados e máis de 11 millóns de noites, tanto nos establecementos hoteleiros (hoteis e pensións), como extrahoteleiros (apartamentos, campings, albergues e turismo rural). “Falamos dun incremento do 6,4% en número de viaxeiros aloxados e do 6,1% en canto as noites neste ano”, expresou.
Neste sentido, indicou que estes bos datos veñen impulsados pola boa afluencia de viaxeiros só no mes de setembro. Como revelan os datos do INE sobre os establecementos extrahoteleiros, só nestes establecementos o número de viaxeiros medrou un 21% ese mes. A estes súmanse os datos en hoteis e pensións que dan como resultado que só en setembro máis de 865.000 viaxeiros hospedáronse nos establecementos de aloxamento galegos. Isto supón un incremento de media do 9% en todos os establecementos só en setembro.
O delegado da Xunta indicou que o turismo en Galicia está a vivir un “bo momento de xeito cuantitativo pero tamén cualitativo”, con melloras tamén na rendibilidade hoteleira durante todo o ano. Segundo os datos do INE, rexistráronse, nos nove primeiros meses deste 2023, os mellores niveis de rendibilidade hoteleira desde que se teñen rexistros, superando nun 7% os niveis do ano pasado.
Sobre o xeodestino Ría de Arousa apuntou que, o ano pasado, foi o segundo que máis demanda turística (noites) absorbeu, en concreto un 16,3% da demanda turística hostaleira dos distintos xeodestinos galegos.

Outros artigos

Fin de semana pasado por chuvia localmente forte

Na xornada do sábado pola mañá teremos precipitacións febles e persistentes na franxa atlántica. Co avance da tarde as precipitacións iranse intensificando e xeneralizándose pola noite, terán intensidade localmente forte. As temperaturas mínimas sen cambios e as...

+

Arranca a Festa do Marisco do Grove

Aínda que xa estamos metidos no outono, hoxe comeza a que podería cualificarse como a última gran festa do verán: a do Marisco do Grove. Vaise estender durante dez días e adoitan acudir moitos visitantes de fóra de Galicia a esta festa declarada de Interese Turístico...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión