
A xira de outono de Iphixenia na porta do súper recala esta semana en Boiro. Trátase dun espectáculo teatral da Compañía Humana que propón un monólogo adaptado do galés Gary Owen no que se fai un paralelismo entre o sacrificio de Iphixenia do mito clásico e unha moza de barrio actual, sen recursos, que sofre en primeira persoa as consecuencias da falta de médicos e de recortes sociais. A peza, que se poderá ver este 3 de novembro, venres, ás 21.00 horas na Casa da Cultura de Boiro, está interpretada pola actriz Alba Caneda baixo a dirección de Sara Rey, quen dirixiu para o Centro Dramático Galego unha das pezas do proxecto Shakespeare en Roma. O espazo escénico e iluminación están deseñados por María Torres e Carmen Casal (As dúas e punto), e o espazo sonoro a cargo do compositor Marcos Grandal.
Iphixenia na porta do súper, como dixemos, é a versión en galego de Iphigenia in Splott, un texto do galés Gary Owen que fai un paralelismo entre o sacrificio da Iphixenia do mito clásico e dunha moza de barrio actual, sen recursos, que sofre en primeira persoa as consecuencias da falta de médicos e de recortes sociais. Premiado como o mellor texto teatral de 2015 no Reino Unido o aclamado monólogo pódese ver por primeira vez en Galicia e en galego.



