Boiro acolleu unha exhibición de medios da Garda Civil na que participaron uns 700 rapaces

16 Novembro 2023

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, desprazouse este luns 13 de novembro ateñ o Pavillón Polideportivo do CEIP Santa Baia de Boiro para presentar a exhibición de medios da Garda Civil encadrada dentro do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e nas súas Contornas. Esta exhibición tamén tiña como obxectivo recadar alimentos non perecedoiros así como útiles de aseo para persoas en situacións de pobreza e vulnerabilidade.

No desenvolvemento desta actividade solidaria a subdelegada do Goberno estivo acompañada polo alcalde de Boiro, José Ramón Romeu García, polo director de Educación da Delegación do Goberno, Lois García Carballido e polo tenente coronel xefe de operacións da Comandancia da Garda Civil da Coruña, Jorge Bodelón.

As actividades desenvolvéronse en horario de mañá e tarde, con demostracións ás 11:00, 12:30 e 16:30 nas que participaron membros do GREIM (Grupo de Rescate Especial de Intervención en Montaña); o Servizo GEDEX (Servizo de Desactivación de Explosivos); e a USECIC (Unidade de Seguridade Cidadá) da Comandancia.

Durante as demostracións, os axentes levaron a cabo varios simulacros de rescates en alta montaña, detencións de persoas perigosas ou retirada de artefactos explosivos co robot Miura.

As 12 unidades presentes foron: Servizo Aéreo; GEDEX (Servizo de Desactivación de Explosivos); USECIC (Unidade de Seguridade Cidadá); GEAS (Grupo de Especialistas en Actividades Subacuáticas); Servizo Cinolóxico; SEPRONA (Servizo de Protección da Natureza); Servizo de Fiscal e Fronteiras; Sector Tráfico Galicia; GREIM (Grupo de Rescate Especial de Intervención en Montaña); Seguridade Cidadá; Policía Xudicial e a OPC (Oficina Periférica de Comunicación).

A subdelegada do Goberno, María Rivas, quixo destacar a “importancia de que os nenos e nenas en idade escolar poidan achegarse a coñecer as distintas unidades da Garda Civil, así como os protocolos de actuación ante diferentes delitos”.

Rivas sinalou que “o Plan Director de Convivencia Escolar é unha boa ferramenta para traballar na prevención e na concienciación e reforzan a confianza nas Forzas e Corpos de Seguridade”. De feito, dixo, a Delegación do Goberno en Galicia conta xa con 900 solicitudes de centros educativos de toda Galicia para participar nas charlas e actividades formativas que oferta este plan.

Á actividade asistiron máis de 750 alumnos e alumnas de distintos centros educativos: CEIP Rosalía de Castro, EEI de Arrenten, EEI da Escravitude, EEI de Extramundi de Arriba, EEI Pontecesures; de Porto do Son, CEIP de Néboa; de Boiro: CEIP Santa María de Castro, CEIP Escarabote e o CEIP Santa Baia cuxo pavillón polideportivo albergou a exhibición.

Outros artigos

Mats Wenzel imponse na 63ª Clásica de Pascua

O alcalde de Padrón, Anxo Arca, acompañado polos concelleiros Chus Campos e Luis Mariño, participou activamente este domingo 12 de abril na 63ª Clásica de Pascua, sendo o encargado de dar a saída oficial da proba coa tradicional corta de cinta e formando parte...

+

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.