Este 25N conmemórase o Día para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres e os nosos concellos prepararon múltiples accións para reclamar o remate das agresións, ademais de asociacións como Mulleres en Acción. A continuación damos conta das axendas de actividades, moitas das cales xa comezaron os días pasados.
En Noia
O Concello de Noia vai celebrar o 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, con actividades diversas repartidas en varias xornadas. Virán da man da Concellería de Servizos Sociais e Igualdade de Noia, a través do Centro de Información á Muller (CIM). As actividades comezan este venres 24 cunha concentración escolar no Coliseo Noela, a partir das 11.30 horas. Presentaranse os bancos Noia di non á violencia de xénero e lerase o manifesto colectivo Noia contra a violencia. Na mesma xornada do venres 24, de 10.30 horas a 13.30 horas e de 18.00 a 20.00 horas, celebrarase o Concurso Photocall Rachando co Medo. Será diante do Coliseo Noela. Sortearanse cinco vales de compra para as persoas participantes (os menores deberán acudir con autorización).
Ademais, do 24 ao 26 de novembro o Concello iluminará a fachada do Consistorio de cor morada en memoria das persoas asasinadas polo “mero feito de ser mulleres”.
Por outra banda, até o sábado 25 de novembro (até as 24 horas) desenvolverase o concurso Rachando co Medo. As bases deste certame poderanse consultar na rede social Instagram (@rachandocomedo) ou no Facebook de Servizos Sociais do Concello de Noia.
Con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra as Mulleres, a plataforma Mulleres do Barbanza (Mulleres en Acción) preparou novas actividades de homenaxe ás vítimas e de repulsa contra a lacra das agresións. O obxectivo é unir á comarca por enteiro, á cidadanía, ás institucións e aos colectivos do Barbanza, fronte á violencia machista e fronte a quen a nega e a minimiza. O programa tamén porá o foco na problemática da guerra, cunha lembranza especial ás mulleres do xenocidio en Palestina.
Mulleres en Acción (en Ribeira)
Mulleres en Acción, a asociación feminista do Barbanza, organizará un acto en repulsa das violencias machistas en honra a todas as vítimas o sábado 25 de novembro ás 18:00 h, na porta do Sol de Ribeira. O acto realizarase mediante unha performance arredor dunhas lápidas das vítimas deste 2023 mais a lectura dun manifesto. As organizadoras animan a toda a poboación barbancesa a “unirse e berrar polas que non teñen voz, polas que non poden e pola
necesidade de ocupar espazos como as rúas que son de todas”.
Para continuar coa xornada do 25 de novembro a asociación organiza unha palestra en mans da psicóloga Beatriz Guerra en decembro (data por concretar) para falar sobre violencias machistas en mulleres con discapacidade, en palabras da plataforma “unha realidade aparentemente bastante descoñecida e moi frecuente”.
O colectivo destaca que entre xaneiro e xuño de 2023 rexistráronse un total de 398 delitos contra a liberdade sexual en Galicia, segundo os datos do último informe sobre criminalidade do Ministerio de Interior. Deles, 146 déronse no rural. En provincias como a de Lugo, a porcentaxe chega ao 60,5 %. No conxunto da comunidade, queda no 36,7 %.
Indican que a “loita feminista non tería sentido sen involucrar a toda a sociedade, sen que os homes entendan que o feminismo non é unha loita contra eles, non poderán axudarnos a rematar co patriarcado e conseguir cunha sociedade igualitaria sen violencias”.
Mulleres en Acción do Barbanza fai fincapé que “é un ano onde a vaga da dereita e ultradereita fronte ao feminismo fica máis forte, mais tamén aprendimos profundamente o que significa a sororidade e que non loitamos soas. As mulleres, as emigrantes, as racializas, as trans, as discas as nenas, as maiores… todas xuntas. É un cambio de década, o ano das mulleres! Dicimos acabouse”.
Segundo avanza a asociación, no manifesto “está moi latente a organización das compañeiras da limpeza por un convenio digno, as mulleres do Servizo de Atención ao Fogar, as profesoras de educación infantil, as activistas palestinas e doutras terras colonizadas e ocupadas; as compañeiras das conserveiras e as traballadoras do SERGAS para paralizar o desmantelamento da atención primaria”.
E engaden: “O feminismo galego non esquece ás mulleres do xenocidio en Palestina. Neste mes de novembro estamos sendo testemuñas dun xenocidio televisado no que a violencia patriarcal colonial do estado de Israel contra as palestinas está superando todos os límites imaxinábeis”.
O colectivo lembra tamén que no Estado español levamos 93 feminicidios, “motivo máis que suficiente para encher o país de actos, berros, discursos e apertas”.
En Rianxo
A axenda de Rianxo do 25N, desenvolvida en colaboración co CIM de Boiro, comeza este martes 14 de novembro cun obradoiro sobre convenios reguladores no Auditorio Municipal. As actividades proseguirán o 18 de novembro cun obradoiro de defensa persoal feminina, no Pavillón Municipal de Taragoña, en horario de 10.00 a 14.00 horas.
Ademais, o martes 22 e o mércores 22 de novembro celebraranse charlas sobre ciberacoso para as alumnas e alumnos de 5º e 6º de Primaria e de 1º da ESO dos centros educativos rianxeiros.
O martes 24 de novembro, en horario de 19.00 a 21.00 horas, presentarase no salón de actos do Auditorio de Rianxo, o Glosario Violeta.
O 25 de novembro chegará un dos actos máis relevantes do programa: o acto institucional do Día para a Eliminación das Violencias contra as Mulleres. Representarase a peza teatral As paisaxes de Camille (a cargo da organización inclusiva da nosa comarca Ambar) e inaugurarase a exposición do tapiz de Ondiñas Mainas contra as agresións. Será ás 19.30 horas na Sala Arcos Moldes do Auditorio Municipal.
Ademais, haberá obradoiros de bailoterapia (Fogar das Mulleres) os xoves de novembro de 18.00 a 18.45 horas, no Centro Social da Capela (Araño); e o martes 28 de novembro pola tarde (de 18.00 a 20.00 horas), na Escola de Buhía (Araño) celebrarase o obradoiro creativo Bravas coma Medusas, descendentes de Medusa, adicado ás vítimas de violencia sexual na nenez.
Na Pobra
A campaña da Pobra do Caramiñal concibiuse como unha pregunta directa que convida a cada cidadá e cidadán a reflexionar sobre o lugar que ocupa ante o problema da violencia machista. Achéganse nos carteis da iniciativa cinco posíbeis respostas: agresor, vítima, familia que agocha, amizades que calan e veciñanza que non ve. “É un claro convite a non ocupar ningún destes papeis e a que sexamos axentes para o cambio”, sinalou a edil Estefanía Ramos, na presentación da campaña chamada Desmárcate!
Esta campaña estará presente nas redes sociais, establecementos hostaleiros e comerciais, no valado publicitario na zona de San Lázaro e nunha lona no balcón da Casa Consistorial. No cubo situado nas inmediacións dos Xardíns de Valle-Inclán haberá un panel co iceberg da violencias visíbeis e invisíbeis e outro co círculo da violencia para contribuír a crear conciencia contra este problema social. Ademais, a fonte da alameda iluminarase da cor violeta.
Amais, desenvolveranse numerosas actividades para diferentes públicos ao longo de todo o mes de novembro.
O Servizo da Igualdade darase a coñecer na comunidade educativa para mostrar o seu labor e mellorar a accesibilidade da xente máis nova ao dito servizo. No día 7 levarase ao IES pobrense, mentres que no día 15 se fará o propio no CPR Divino Maestro. Tamén para o alumnado destes centros se configura a función teatral de carácter pedagóxico Golpes, no Teatro Cine Elma, no día 23, en horario lectivo e da man da Secretaría Xeral da Igualdade.
No que respecta a propostas destinadas a escolares da infantil, atópanse as sesións de contacontos a cargo de Loida Fernández na E.E.I. Fernández Varela, no día 21; no Monte Carmelo, no día 22; e nas escolas unitarias, no día 23.
Xa para primaria artéllase unha concentración no día 24, na praza Alcalde Segundo Durán. Portando paraugas da cor morada co lema Desmárcate! e o cancelo #apobracontraaviolenciamachista, formarán o símbolo feminista.
Doutra banda, realizarase unha nova sesión da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional Contra a Violencia de Xénero no día 14, na Casa da Mocidade; e no día 22 instalarase o stand Agresión Off, nos Xardíns de Valle-Inclán.
E, no propio día 25, celebraranse os actos centrais a partir das 12.00 horas cunha concentración, a performance A última cea, de Uxía Morán, a lectura dun manifesto e un minuto de silencio. Serán no Cantón da Leña e están abertos a toda a veciñanza.
En Ribeira
A axenda 25N de Ribeira vén da man do Concello a través do CIM. Do 20 ao 24 de novembro realizaranse contacontos online dirixidos ao alumnado de educación Infantil e Primaria dos centros educativos municipais.
O 21 de novembro levouse a cabo un obradoiro contra as violencias sexuais no CIFP de Coroso dirixido ao alumnado de FP Básica de Industrias Alimentarias.
O acto institucional trasládase a este venres día 24 na praza de España co propósito de que os colexios poidan participar; a lectura do manifesto participativo desenvolverase ás 11:45 horas. E para rematar, o 25 de novembro realizarase un curso de Autodefensa no Complexo Deportivo A Fieiteira.
Ademais, o Concello está adherido á XI Andaina contra a Violencia de Xénero que organiza a Xunta de Galicia e que se abeira tamén á campaña De Fronte organizada pola Deputación da Coruña.
Ademais, dende o Consistorio repartiranse creatividades realizadas polo alumnado dos centros escolares aos comercios que queiran adherirse á campaña contra a violencia machista.
En Boiro
O Concello de Boiro leva semanas poñendo o foco na igualdade, no feminismo e na loita contra as agresións, a través do programa de talleres Muller e Saúde. Sen ir máis lonxe, este 15 de novembro organizou o obradoiro Que é a violencia de xénero, como detectala e como erradicala?, no Centro Social.
Amais, o mércores 22, en horario de tarde (de 17.00 a 20.00), celebrarase un taller sobre Manexo de estrés e ansiedade. Será, tamén, no Centro Social.
Ademais, Boiro participa na campaña De Fronte contra a violencia de xénero, da Deputación, que se materializou nun obradoiro o día 11 (con Turbina).
A maiores, a axenda inclúe unha mostra na rúa Peonil (Visibilizando as violencias), a lectura do Manifesto 25N (ás 13.00 horas do día 25), un contacontos (Contos pola igualdade de Raquel Queizás, no CS de Boiro ás 11.00 horas, o día 25), unha proxección (a curta Lavadoiros, ás 12 no CS, o día 25) e un concerto (ás 19h nas rúas de Boiro con Bicoia, o día 25).
En Outes
O Concello de Outes celebra este ano o 25N participando novamente na campaña De Fronte da Deputación, que inclúe un acto institucional (o día 24N no Pazo Provincial da Coruña con Caamaño & Ameixeiras, ás 10:45h). A campaña tamén vén cunha xira de obradoiros, que chegou a Outes este 14 de novembro (no IES Poeta Añón), onde abordou co alumnado conceptos chave arredor das violencias machistas en contextos de lecer e ocio nocturno. O Concello de Outes tamén celebrará un acto institucional este 25N.
En Porto do Son
O Concello de Porto do Son programou actividades para desenvolver en diferentes puntos do municipio con motivo do 25N, Día para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. A axenda comezou o 20 de novembro no IES de Porto do Son, cunha charla informativa sobre agresións sexuais para o alumnado de 3º da ESO. Proseguiu o día 20 cun escape room no CEIP de Xuño, para o alumnado de Primaria.
O 22 de novembro o programa continuou co espectáculo teatral O Pequeno Poni, de Redrum Teatro.
O 25 de novembro celebrarase un curso de Aquagym (Soom Management) na Piscina Municipal. Será unha actividade aberta a toda a veciñanza. Levarase a cabo de 10.00 a 13.00 horas. As inscricións cómpre facelas na Piscina (até o 22N) ou chamando ao 604 051 189.
O programa rematará cun curso de defensa persoal (Escuela de Boxeo El Canario) para o alumnado de primeiro de Bach. Será no IES Porto do Son, os días 29 e 30 de novembro e o 1 de decembro.
En Lousame
O Concello de Lousame impulsou a campaña Voces de Lousame contra a violencia de xénero. Este novembro, as persoas que desexen participar deberán enviar frases en mostra do seu rexeitamento da violencia comezando coa lenda: “Eu quero que…” indicando as cousas que desexen que rematen, cambien ou melloren en relación ás situacións de violencia machista e a igualdade entre mulleres e homes.
Para participar é preciso que a persoa comparta esa frase nas súas redes sociais, acompañándoa do cancelo #EuQueroQue e etiquetando ao Concello de Lousame ben en Facebook (facebook.com/concello.delousame), Instagram (/somosLousame) ou Twitter (@SomosLousame). En caso de non dispoñermos de redes, podemos participar enviando as imaxes por Whatsapp ao 689 126 385.