
Inculcar valores como o coidado da natureza e a importancia do hábito lector na nenez son os obxectivos fundamentais que persegue o libro Carme e a serea Mariña, de Ana Rial Maneiro, que se presentou na tarde deste venres 3 de novembro no Auditorio do Museo Valle-Inclán, coa presenza da autora, da conselleira de Cultura da Pobra, Patricia Lojo, e da vicepresidenta de Barbantia, Encarna Pego. Foi a segunda das paradas da serie de presentacións deste relato infantil trala efectuada en Palmeira, vila natal da xornalista e escritora. “Se ben con Palmeira o meu vínculo é persoal, coa Pobra é profesional, polo que tamén é moi especial para min estar aquí”, afirmou. O acto estivo amenizado pola Escola de Música da Pobra.

A obra materializouse este ano, cun proceso creativo diferenciado en dúas partes: no 2019 foi a redacción do texto e no 2022 iniciouse a fase de deseño e edición coa Editorial Cuadranta. A trama focalízase en Palmeira, se ben se pode extrapolar a calquera lugar costeiro, nun momento no que o mundo enteiro encara unha ameaza que pon en perigo a vida e o medio ambiente. A serea Mariña e Carme deseñarán un plan para combater esta situación ao mesmo tempo que se establece entre elas unha fermosa amizade. Así, mar e terra deixarán de lado as súas diferenzas para se centraren no que os une.
Durante a súa intervención, a autora referiuse á importancia do mar nesta historia, pois non queda relegado unicamente a ser escenario da acción, senón que tamén garda relación cos nomes dos personaxes, as cores empregadas, a presencia de elementos característicos das nosas contornas mariñas.
Tamén quixo introducir a súa profesión: o xornalismo. Isto constátase en que é unha realidade a existencia do denominado sétimo continente, que son varias illas de lixo, principalmente, plástico, repartidas polos distintos océanos; ademais de que as protagonistas descobren esta circunstancia a través dos medios de comunicación.
Pola súa parte, a concelleira da Cultura, Patricia Lojo, incidiu na importancia de incrementar a produción literaria destinada ás xeracións máis novas para lles achegar un catálogo amplo e variado, ademais de argumentos que lles resulten próximos, cos cales poidan establecer unha conexión que marque o inicio da súa rutina como lectores/as. Neste senso, apuntou que a Administración local pobrense é unha das entidades que convoca o Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro, que xa vai pola súa sexta edición.

Tamén participou a vicepresidenta da A. C. Barbantia, Encarna Pego, quen quixo destacar a calidade do contido e do soporte do libro, ademais de explicar ante o público algúns dos aspectos máis significativos da trama coma, por exemplo, que é unha nena quen imparte unha lección de vida ás persoas adultas e non ao revés como adoita suceder.