Galicia é o país máis afectado en toda a historia polos accidentes petroleiros. En menos de 30 anos, Polycomander, Urquiola, Andros Patria, Aegean Sea e Prestige, guindaron ao mar máis de 300.000 toneladas de hidrocarburos de distinta densidade e refinado.
A estes vertidos compre engadir os realizados na ría da Coruña -máis concretamente nos areais de Bastiagueiro- polo Erkowit, con carga de distintos produtos químicos e, máis recentemente -ano 1986- os rexistrados en Fisterra polo varamento na praia de Rostro do buque panameño Cason.
Entremedias hai unha extensa listaxe de buques sinistrados na costa galega. Só por citar algúns que puxeron en perigo evidente tanto a integridade da fauna mariña como a das persoas esa nómina podería comezar polo Mittera Sotiria, embarrancado en Suevos; o Diana María -que fixo o mesmo a carón da illa da Marola ou o gaseiro arxeliano Ramdane Abane, que estivo a pìques de entrar nas cociñas das casas de Muxía sen ter pedido permiso.
Son referentes non da perigosidade da costa galega (que sen dúbida a ten) senon, en moitas ocasións, accións que amosan a fatiga de buques e tripulacions mínimas esplotadas nun mercantileo alarmante, a escasa resposta duns servizos concebidos como públicos que só semellaban sélo cando eran seguros os contratos para o salvamento realizado e, polo tanto, os premios económicos estipulados no contrato pertinente, a máis, ás veces, dunha inaxeitada utilización dos medios propios por descoido, descoñecemento, tripulacións de dubidosa formación e mesmo problemas de comunicación cos medios de Salvamento, ben por dificultades co idioma inglés (maioritariamente empregado no salvamento e as comunicacións radiomarítimas) ou entendemento entre os propios tripulantes porque nos buques a plurinacionalidade e, polo tanto, o plurilingüismo é, moitas veces, unha realidade desgraciada.
Este luns, 13 de novembro, cumpríronse 21 anos do vertido nas costas españolas, portuguesas e francesas da maior parte das 77.000 toneladas de fuel pesado que transportaba o Prestige, buque monocasco que rematou afundido -após partirse en dous- a uns 250 quilómetros da costa galega. Foron, aproximadamente, 2.000 quilómetros de costa os afectados polo vertido, na súa maioría da comunidade galega.
E foi asimesmo o maior desastre medioambiental rexistrado en España e Europa, tanto pola cantidade de contamiñantes liberados como pola extensión da área afectada: desde o norte de Portugal ata a rexión francesa das Landas.
Con rexistro grego, o Prestige estaba abandeirado en Bahamas. A compañía propietaria era a Mare Shipping, de Liberia. Tiña unha eslora de 243,5 metros; manga de 34,4; puntal de 18,7 metros e 14 de calado a plena carga. Fora botado o 1 de marzo de 1976 e o seu capitán era o grego Apostolos Mangouras, quen fora ingresado no cárcere de Teixeiro acusado dun delicto medioambiental. A tripulación estaba integrada por 27 homes, a maioría filipinos.
O combustible derramado, popularmente recoñecido como “chapapote”, estaba cualificado IFO 380 e IFO 390 segundo o manifesto de carga do buque.
O petroleiro Prestige foi obrigado a alonxarse 250 millas da costa galega. Rematou paseándose de norte a sur coas catastróficas consecuencias lembradas.
Dez anos antes embarrancara na costa da Torre de Hércules (A Coruña) o tamén petroleiro grego “Aegean Sea”, cuxos restos eran visibles ata hai poucos anos.
“Palabra de Rei”. Xulio Xiz
En foto de hai 48 anos podemos ver ao bispo de Lugo, Ona de Echave, asperxendo a Juan Carlos e Sofía, Reis, na porta norte da Catedral de Lugo, ante a mirada atenta de José Ferro. Eran tempos nos que “palabra de Rei” significaba firmeza nos tratos das...