A Mostra Mares da Fin do Mundo acolle a gravación dun especial de “Mar de Ardora” e a proxección de “Entre Redes”

03 Novembro 2023

Na segunda xornada da VI Mostra Internacional de Cinema Documental Mares da Fin do Mundo, celebrada este xoves, 2 de novembro, celebrouse a gravación e retransmisión dixital dende o Náutico do Freixo dun especial do programa da Radio Galega Mar de Ardora, centrado no mundo do mar. Presentado e dirixido por Xusto López Carril, contou coa participación de Alba Quintela (concelleira de Obras e Servizos no Concello de Outes), Marcos Gallego (director da Mostra local MDFDM), Francisco Xosé Fernández Naval “Chisco” (escritor e guionista) e Mercedes Silva “Totakeki” (mariscadora e divulgadora).

Xa pola tarde, nas instalacións da Casa da Cultura de Outes (A Serra de Outes), proxectouse a estrea da obra Entre Redes , dirixida por Vanessa Martínez (2023) e producida pola Asociación Cultural Mares da Fin do Mundo. Trátase dun documental onde Rogelio Santos Queiruga, Mercedes Silva e María Maceiras (profesionais do mar e divulgadores) amosan o día a día do seu traballo no mar e nas diversas plataformas dixitais nas que divulgan e visibilizan mensaxes sobre a importancia de coidar o medio mariño dunha maneira sustentábel.

A continuación, deu inicio a proxección dos primeiros filmes participantes na Competición Oficial, na que este ano concorren un total de quince títulos de once nacionalidades diferentes e falados en múltiples linguas (con subtítulos en galego), centrados na pesca respectuosa co medio natural e na protección do medio ambiente mariño.

No primeiro bloque a competición concorreron a valenciana Twilight Dream, de Amanda Cots & Ángel Suárez (España, Valencia, 2022), unha obra que amosa o día a día de Ángel e Adel a bordo do Dos Ángeles, poñendo o foco na escaseza de recursos e a redución no número de pescadores. A segunda obra deste bloque foi Requiem for a Whale, de Ido Weisman (Israel, 2022), que documenta o encontro co cadáver dunha balea na praia israelí de Nitzanim despois dunha noite de treboada no 2021. O terceiro filme foi Confine liquido, de Andrea Scimone (Italia, 2022), que narra a espera de Michele, Antonio e Pippo por unha corrente mariña axeitada no estreito de Messina.

A Mostra Internacional de Cinema Documental Mares da Fin do Mundo está organizada pola Asociación Cultural Mares da Fin do Mundo, coa colaboración na dirección e produción de ABA Films e o apoio, entre outros, da Deputación da Coruña, a Dirección Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e o Concello de Outes. Así mesmo, MDFDM forma parte de Proxecta (Coordinadora Galega de Festivais de Cinema, integrada na federación estatal Pantalla).

Outros artigos

Cáritas Ribeira segue coa recollida solidaria de alimentos

Cáritas Ribeira segue coa recollida de alimentos que durará todo o mes, excepto Gadis que o fará ata o día 16 pero actualmente en trámites de ampliación. Cáritas Ribeira segue coa recollida de alimentos, unha campaña que durará todo o mes. A organización busca axudar...

+

Luns con chuvias e lixeira baixa térmica

O luns continuamos nunha situación intermedia entre un anticiclón e unha borrasca polo que o ceo estará cuberto e precipitacións febles e persistentes en Fisterra, Muros, Noia, Barbanza, Santiago e norte do Salnés. Pola noite a chegada dunha fronte fría deixará...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión