O Pleno da Corporación do Concello de Rianxo, na sesión ordinaria do xoves 28 de setembro de 2023, aprobou por unanimidade o seu apoio ás reivindicacións laborais dos bombeiros dos parques de Boiro e de Ribeira. Segundo fixeron saber os grupos na declaración asinada, a orixe destas demandas está na aprobación, en 2019 e por parte da Coruña, Lugo e Pontevedra e finalmente Ourense, de xestionar pública e directamente os parques comarcais de extinción de incendios e salvamento que até ese momento realizaban empresas privadas.
“Malia que a xestión do servizo de extinción e salvamento nos referidos parques comarcais pasou a realizarse directamente dende os propios Consorcios Provinciais, aínda non se produciu a total integración do persoal que prestaba servizo nos mesmos”, explicou a Corporación rianxeira, apuntando que “desta maneira o persoal indefinido das firmas privadas que xestionaban os parques de bombeiros comarcais e cuxos contratos subrogaron os Consorcios Provinciais a día de hoxe non ten recoñecida a condición de persoal laboral fixo dos Consorcios”.
A Corporación rianxeira lembrou tamén que o Tribunal Supremo, na súa sentenza de 28 de xaneiro de 2022, recoñeceu a condición de persoal laboral fixo das traballadoras que pasaban dunha empresa privada á Administración en virtude de subrogación tanto laboral como da actividade que desempeñaban. O Tribunal Supremo excluía ao persoal que adquirira a condición de “indefinido” en virtude de contratacións realizadas en fraude de lei, ou que a súa actividade profesional non fose obxecto de transmisión ao sector público.
Malia isto, o persoal destinado nos diferentes Parques Comarcais dos distintos Consorcios Provinciais, nos que participa a Xunta e a Deputación Provincial respectiva, non dispón dos mesmos dereitos laborais, manténdose as diferenzas derivadas das condicións de traballo que tiñan na empresa privada de orixe, segundo se explica na declaración asinada en Rianxo, lembrando que esta situación motivou unha folga en todos os Consorcios Provinciais e nos 24 parques comarcais, así como a suspensión dos apoios e servizos voluntarios, reducindo as prestacións laborais ás estritamente obrigatorias por contrato laboral.
Esta situación, engádese, “vén derivada da persistente negativa da Xunta de Galiza á aplicación e seguimento da doutrina do Tribunal Supremo no que atinxe ao recoñecemento da condición de persoal laboral fixo ao servizo do Consorcio Provincial correspondente, e da aprobación dun convenio colectivo que equipare as condición laborais e profesionais de todo o persoal dos Parques Comarcais contra Incendios de Galiza”.
Por estes motivos, acordáronse en pleno seguintes puntos:
1. A integración como persoal laboral fixo dos Consorcios Provinciais contra Incendios e Salvamento de todo o persoal no que concorran as condicións establecidas na sentenza de 28 de xaneiro de 2022 e coas condicións e requirimentos establecidos na referida resolución xudicial.
2. A elaboración e aprobación, previa negociación conxunta coas Deputacións Provinciais e coa representación das traballadoras, dun Convenio Colectivo para todos os Consorcios Provinciais de Galiza.
3. Dotar dos equipos técnicos e humanos que se demandan por parte do persoal dos parques pois entendemos melloran as prestacións á veciñanza dos dous parques que dan servizo á nosa comarca.