
A Asociación Boirense de Empresarios (ABE) fixo balance do logrado co seu novo sistema de fidelización dende a súa posta en marcha, un sistema que xa acadou a cifra dos 2.314 clientes rexistrados. A patronal informou de que grazas a este servizo, estes clientes están a participar en sorteos e acumulando puntos para cambiar por agasallos do catálogo e tamén polos premios especiais do Puntazo ABE como o do paraugas deste outono. Agora a asociación dá un paso máis na súa estratexia de captar e manter clientes dos negocios asociados xa que vén de crear unha base de datos con estes usuarios aos que de xeito regular vailles remitir información das campañas e actividades que organiza. “Trátase dun feito histórico para a patronal de Boiro e para os negocios asociados que a golpe de un só clic poderán conectar con máis de 2.000 clientes”, sinalaron fontes da patronal.
E engaden: “Se para a ABE e os seus socios é unha potente ferramenta de marketing, para os clientes tamén será unha vantaxe xa que terán información anticipada das campañas, acceso prioritario a elas e sorteos e agasallos especiais para eles”. A única condición para recibir estas comunicacións é ter rexistrado algún tícket de compra na aplicación web da ABE, por ese feito xa se forma parte desa extensa base de datos.
Para estrear este novo sistema de comunicación cos clientes a ABE elixiu unha das súas campañas mais innovadoras, o Puntazo de Outono, na que por só 50 puntos os clientes poden conseguir un paraugas de 16 varas co lema de #SonBoiro.
Como indica o presidente da ABE, Daniel García, “os resultados da posta en marcha deste sistema de fidelización son inmellorábeis e nos dan a razón sobre a necesidade de implantar ferramentas de dixitalización en materia de promoción comercial xa que cada vez son mais os clientes que participan dos sorteos que propoñemos a través da nosa web“.



