Coa conferencia Enfermidades crónicas: Hta, diabete, artrose… tratamentos actuais e seguimento daban comezo este xoves 26 de outubro polo serán as XVIII Xornadas de Información Sociosanitarias de Outes. A sesión foi impartida polo doutor Antonio Pose Reino, do departamento de Medicina Interna do CHUS (Complexo Hospitalario Universitario de Santiago).

A conferencia desenvolveuse no salón de actos da Casa da Cultura da Serra de Outes, baixo unha asistencia de mais de 100 persoas.
Foi coordinada por Xosé Mª Dios Diz, médico especialista de Atención Primaria de Outes, impulsor das Xornadas Sociosanitarias. Ao remate da conferencia, o relator foi agasallado con unha figura de artesanía feita polos usuarios de ADISBISMUR Valadares (Outes).

Na cita tamén estiveron presentes o alcalde do Concello de Outes, Manuel González López e o tenente alcalde e concelleiro de Cultura, Anxo Núñez Fernández, que se encargaron de inaugurar a nova edición das xornadas, que comezaron de xeito simultáneo (e complementario) que as III Xornadas do Programa Universitario de Maiores en Outes (IV Ciclo da USC). A vindeira conferencia desenvolverase o vindeiro 30 de novembro, baixo o título Situacións de emerxencia e como actuar, que será impartida por Isabel Moares Rei, traballadora do Servizo de Emerxencias 112.




