O Concello de Porto do Son informou do remate dos traballos destinados a equipar con rede de saneamento o núcleo de Cans, na parroquia sonense de Nebra. O proxecto abrangueu a instalación da tubaxe para o subministro de auga para consumo e para a recollida de pluviais, e tamén unha posta a punto do pavimento (o que implicou a inclusión dunha capa de formigón, substituíndo o firme anterior, acabada cun bordo de empedrado). Os traballos foron financiados pola Deputación da Coruña e contaron cun orzamento de 116.765€.

Dende o Consistorio de Porto do Son tamén comunicaron o remate das tarefas para automatizar a estación de bombeo de augas residuais, para o cal dispúxose dunha subvención achegada polo Fondo de Compensación Ambiental por valor de 110.625,46€. A maiores, fixéronse traballos para optimizar o saneamento no núcleo de Puílla cun investimento de 28.935€.



