O alumnado de 3º e 4º dos CEIP Cespón, Escarabote, Abanqueiro e Santa María do Castro, e 4º dos CEIP Praia Xardín e Santa Baia participan no proxecto de teatro escolar que desenvolve o Concello de Boiro. A actividade está enmarcada no programa En(clave) e ten como finalidade “achegar o teatro á rapazada e propiciar unha análise crítica e traballar as emocións”, segundo explicou o Executivo local.

A nena que quería navegar de Redrum Teatro é a función á que asistiu o alumnado, un espectáculo que trata o acoso escolar e o bullying co obxectivo de lograr unha concienciación da rapazada e espertar unha reflexión crítica a través do teatro. “A representación busca lograr a identificación dos casos de acoso escolar e propiciar ferramentas para enfrontarse ou saber como actuar ante situacións de violencia”, engadiu o Concello.

Os obxectivos deste programa son achegar o teatro aos rapaces e rapazas, promover o uso da lingua galega nun contexto lúdico, aprender a observar, entender e emocionarse ante un espectáculo e lograr un entendemento e propiciar unha análise crítica das distintas temáticas presentadas no espectáculo.



