
Relatorio de Sebastián Valverde
A Asociación de Municipios do Camiño a Santiago pola Ría de Muros Noia tomou parte no congreso Viaxes, intercambios, cultura e turismo: compartindo as mellores prácticas, estratexias e valores, celebrado durante esta fin de semana no Palazzo Grandi Stazioni de Venecia e organizado pola rexión de Nordland (Noruega) en colaboración coa Regione del Veneto e a Asociación Internacional Vía Querinissima.
A asociación da nosa comarca participou nunha sesión sobre a figura de Pietro Querini (1400-1448), un mariño e comerciante que pertencía a unha das familias máis importantes da Venecia do século XV e que en 1431 emprendeu unha viaxe comercial a bordo da nave Querina que se convertería, de forma accidental e froito dos imprevistos do itinerario, nunha das viaxes máis importantes para Italia e para a documentación histórica do Camiño a Santiago pola Ría de Muros Noia. Por unha banda, Querini documentou e debuxou o itinerario seguido ata a illa de Rost (Noruega), que hoxe se coñece como a Vía Querinissima: a ruta que levou por primeira vez o bacallau a Italia. Por outra, deixou perfectamente documentada unha peregrinación de Muros a Compostela, que define o punto de inicio do Camiño da Ría de Muros Noia.
“Viñemos ata o Veneto porque a asociación Vía Querinissima ten como obxectivo recrear a ruta percorrida por Pietro Querini por mar e por terra, para promover un turismo cultural e enogastronómico pausado e sostible que una as cidades e rexións de ata trece países. E iso é algo que nos interesa moito”, explica Sebastián Valverde, xerente da Asociación de Municipios do Camiño a Santiago pola Ría de Muros Noia. “Os italianos e os noruegueses están interesados en incluír a viaxe ata Compostela como un fito mais do seu itinerario, O atractivo desta etapa da ruta sería facelo como peregrinos e gañar a Compostela, xa que estarán percorrendo de facto un dos camiños marítimos da ría de Muros Noia”, engade.
Na súa intervención en Venecia, a asociación deixou claros os requisitos do Cabildo Catedralicio para obter a Compostela, que comezan por levar a Credencial do Peregrino, que se lles facilitaría dende a asociación. Despois só precisarían ir selándoa en todos os portos da Vía Querinissima ata chegar á ría de Muros Noia, onde completarán a pe os últimos 12 km do Camiño, selando a credencial en Bertamiráns e na Oficina do Peregrino de Compostela.

Reunión das persoas da primeira foto con historiadores das Universidades de Padua e Venecia e da Biblioteca Marcia
A conferencia A Asociación de Municipios do Camiño a Santiago pola Ría de Muros Noia e a ruta de Pietro Querini desde Muros a Santiago pronunciouse ante un auditorio repleto no Palazzo Grandi Stazioni de Venecia e nun acto presidido por autoridades italianas e norueguesas tales como a directora de Relacións Internacionais da Rexión de Véneto, Annalisa Bisson; o responsábel de Cultura da Rexión de Véneto, Cristiano Corazzarí ou a asesora especial do condado de Nordland en asuntos internacionais, Maja Zakariassen.
Itinerario cultural europeo
A maiores, a parte máis importante do programa e o motivo principal da presenza dun representante da Asociación de Concellos da Ría de Muros Noia esta fin de semana en Venecia, foi a reunión de todas as rexións integradas na ruta para defender a candidatura da Vía Querinissima a Itinerario Cultural Europeo ante o Avaliador do Consello de Europa, Mateo Malvani.

Mateo Malvani e Sebastián Valverde
“A candidatura da Vía Querinísima a Itinerario Cultural Europeo gaña moita forza coa integración dun Camiño de Santiago porque aporta un estudo amplo e perfectamente documentado do Camiño de Pietro Querini entre Muros e Santiago de Compostela, o único das miles de millas náuticas das que consta o Itinerario e que hoxe coñecemos grazas ao traballo de delimitación do trazado dirixido por Marcial Rodríguez, Mario César Vila e Sofía Vaquero”, subliñou Sebastián Valverde.
Vía Querinissima

Sebastián amosa a Nicoletta o estudio histórico do Camiño pola ría de Muros Noia
A Asociación Internacional Vía Querinissima é unha entidade cultural sen fins de lucro constituída tras dez anos de duro traballo: primeiro cun acordo de amizade entre os municipios de Rost (Noruega) e Sandrigo (Italia) e despois un acordo de cooperación cultural e económica entre as rexións de Nordland e Véneto. Unha iniciativa que aspira a obter a certificación do Consello de Europa como ruta cultural internacional neste ano 2023. A asociación está integrada tanto por organismos públicos e privados de Italia, Noruega, Suecia, España e Grecia. O seu itinerario, denominado Vía Querinissima, inclúe dúas rutas: por mar (a primeira parte da viaxe de Pietro Querini que acabou en naufraxio e que pasou por Muros) e por terra (cando retornou a Venecia co seu cargamento de bacallau).
Pietro Querini
O mariño Pietro Querini partiu de Creta no 1431 con destino Bruxas, nunha viaxe que resultou moi accidentada. En primeiro lugar, ao cruzar o Mediterráneo romperon o timón, o que obrigou á tripulación a arranxalo en Cádiz. Tras perderse por mor do mal tempo, chegou ás illas Canarias e finalmente arribou a Lisboa, onde tiveron que agardar co timón aínda danado a que o vento fora favorábel. Seis meses despois da súa partida de Creta puideron saír de Portugal o 14 de setembro para chegar o 26 de outubro a Muros, onde aproveitaron a parada obrigada para reparacións e para ir en peregrinación ao sepulcro do Apóstolo.
Unha peregrinación recollida nas súas propias notas: “Nous atteignimes Muros le 26 octobre, où nous nous ravitaillames. Accompagné de treize campagnons, jállaivisiterl´´eglisede Saint Jaques mais n´y demeurai que peu de temps” (Querini, 2010). No dossier da viaxe, gardado na Biblioteca Vaticana, relata polo miúdo a súa experiencia, complementada tamén polos relatos dos seus oficiais Nicoló de Michiele e Cristoforo Fioravante, conservados na Biblioteca Nacional de Venecia, polo que se coñece que fixeron o Camiño a cabalo, se cruzaron con outros italianos e mesmo como uns falsos monxes os intentaron enganar ofrecéndolles unhas cunhas de vieiras sen bendicir.
Trala visita ao Apóstolo seguen rumbo norte, atopándose cunha gran tormenta na costa occidental francesa que o levou a naufragar en Noruega. Así, só 16 dos 68 homes que saíron de Venecia chegaron á illa de Sandoya, no arquipélago de Lofoten (moito máis aló do círculo polar), onde foron rescatados polos pescadores da illa de Rost (Noruega). Permaneceron na illa ata a primavera, onde Querini quedou fascinado pola maneira na que a poboación conservaba o bacallau, o que estableceu o xerme da comercialización e consumo deste peixe en Italia. Despois, iniciou a volta a Venecia.

De esquerda a dereita: Daniel Anderson, vicepresidente do Comité Cultural da Rexión Vastra Gotaland (Suecia); Srig Lovseth, manager de cultura da rexión Norland County (Noruega); Mateo Malvani, Avaliador do Consello de Europa; Nicoletta Martorana, directora da Asociación Internacional Via Querinísima; e Sebastián Valverde, xerente da Asociación de Municipios do Camiño a Santiago pola Ría de Muros Noia.