
O CAD situado na Pobra do Caramiñal converteuse estes días nun estarrecedor escenario de Samaín, onde non falta ningún dos temíbeis (e divertidos) elementos desta celebración. Persoas usuarias do centro ocupacional traballaron arreo dende o mes de agosto para que o interior da instalación dispoña de tan elaborada ornamentación, pensada, en especial, para as crianzas do Servizo de Atención Temperá con photocall e xogos.

Jonathan Lijó, Adrián Escurís e Alicia Fernández explicaron a súa experiencia en todo este proceso e adiantaron que xa están preparando a decoración do Nadal.
A concelleira dos Servizos Sociais, Amparo Cerecedo, gabou o traballo realizado e fixo fincapé na “importancia de poñer en valor o labor e capacidades das persoas usuarias do CAD”, así como o persoal e voluntariado que potencia a súa creatividade, como, por exemplo, a animadora sociocultural Saray Pazos, quen coordina numerosas iniciativas para que a rapazada lle solte as rendas á súa imaxinación. Durante a intervención a edil agradeceu a colaboración de DS Smith Cartogal, empresa que doou o cartón empregado como base dos elementos decorativos.



