A compañía Malasombra Produccións actuará este domingo 20 de outubro, ás 19:00 horas, na Casa da Cultura de Lousame, onde porá en escena a comedia De algo hai que morrer. Trátase dunha actuación totalmente de balde pero para a que é preciso reservar entrada en www.bandoticket.com.

Dirixida por Marcos Orsi e protagonizada por Xoque Carbajal e Jouse García, De algo hai que morrer baséase nun diálogo fúnebre, cómico e teatral entre os dous protagonistas, que dan vida aos profesores Jeckill e Hyde, que exporán ao público lousamiá as súas investigacións sobre a morte. Durante ese tempo, representarán en clave humorística distintas circunstancias en torno á morte, dende como desfacerse dun cadáver até posíbeis melloras nas formas de morrer ou o funcionamento da axencia de colocación de defuntos.
Un divertido espectáculo, do que os organizadores advirten do risco de morrer da risa, que está organizado polo Concello de Lousame, que conta coa colaboración da Deputación da Coruña, de A Laberca Produccións, do AGADIC e da Xunta de Galicia.



