O alcalde de Boiro, José Ramón Romero, e o concelleiro de Urbanismo, Luís Ruiz, mantiveron este martes 24 de outubro pola mañá unha xuntanza do director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García Porto, e directora de XESTUR, Maria Doporto, para presentarlles un anteproxecto de ampliación do Polígono Industrial de Boiro (Polígono de Espiñeira) e traballar de forma conxunta entre administracións.
O anteproxecto presentado busca a ampliación do actual complexo industrial para “emendar a falta de terreo para instalar novas factorías”, sinalou o rexedor, engadindo que “a superficie industrial en Boiro e na comarca está totalmente esgotada, polo que se precisa dun proxecto ambicioso que cubra as necesidades a medio e longo prazo”, afirmou o alcalde.

Esta ampliación dotaría de 514.794 metros cadrados de solo dispoñíbel, zona verde e outros equipamentos que “cubrirían as necesidades actuais e permitirán o crecemento futuro”, dixo, apuntando que “o proxecto contempla, ademais de espazo para grandes industrias, unha zona de pequenas naves modulares que facilite a implantación de pequenas e medianas empresas”.
O alcalde valorou moi positivamente a xuntanza na que “comezamos a dar pasos importantes na tramitación para a ampliación do polígono industrial”, recoñeceu.
Tamén informou de que os técnicos redactores van comezar xa coa solicitude de permisos sectoriais para levar a cabo o proxecto e o seguinte paso será realizar as modificacións urbanísticas correspondentes para poder continuar coa tramitación, seguindo as indicacións trasladades nesta xuntanza co IGVS.



