Iniciada a reforma integral da contorna do centro sociocultural da Ribeiriña

26 Outubro 2023

O Concello da Pobra informou de que as obras de acondicionamento da contorna do centro sociocultural da Ribeiriña, xa iniciadas, rematarán a principios do mes de decembro. A contorna onde se levan a cabo estes traballos, que veñen cun investimento de 47.314 euros con cargo ás arcas municipais, foi visitada este xoves 26 de outubro pola concelleira da Participación Veciñal e da Mobilidade, Rosana Pérez; a súa homóloga da Promoción Económica, Amparo Cerecedo; e Miguel Martínez, arquitecto do estudo encargado da redacción do proxecto.

Segundo sinalaron, un dos principais problemas que se solucionarán será o da accesibilidade, “por causa da orografía do lugar”. Así, co fin de cumprir a normativa vixente e mellorar a mobilidade, construirase unha rampla de acceso dende a zona de aparcamento á entrada ao dito centro. Ademais incrementarase o estacionamento e habilitarase unha praza para persoas con mobilidade reducida.

Por outra banda, manterase a pista existente, que se verá mellorada cunha intervención que comprende a dotación dunha canastra de baloncesto, o pintado das liñas na superficie, a renovación das portarías, a reparación do peche perimetral e a colocación dunha porta de maior dimensión para o acceso de vehículos en momentos puntais para a descarga de material, xa que é colexio electoral, e a realización de actividades.

Colocarase, ademais, puntos de luz e unha billa con subministración de auga. Excavaciones Nima resultou ser a empresa adxudicataria.

Neste senso, a edil da Participación Veciñal e da Mobilidade explicou que isto marca “o inicio dunha serie de actuacións que queremos levar ao resto de centros socioculturais para que cumpran a súa función de dinamización do núcleos poboacionais”. Engadiu que “A Ribeiriña era unha das zonas do concello que necesitaba máis atención”, polo cal agradece o labor que exerce a asociación veciñal do lugar e o seu constante diálogo coa Administración local.

A concelleira da Promoción Económica tamén adiantou outras futuras accións, xa con cargo ao remanente da Tesouraría, que se traducirán no cambio das portas da planta baixa, a colocación de lámina vinílica no chan e a substitución da reixa da entrada.

Outros artigos

Unha fronte fría deixará chuvias e un descenso térmico este domingo

A nubosidade irá en aumento dende a mañá pola fachada atlántica, con precipitacións máis probables na Coruña, as Rías Baixas e a Mariña As temperaturas máximas experimentarán unha baixada moderada, mentres que as mínimas tenderán a subir A chegada dunha fronte fría...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.