“Darío Villanueva, Otero Pedrayo e máis Nós”. Alberto Barciela

24 Outubro 2023

“Da terra todo vén e todo a ela volve. Enorme e boa nai agasallando fillos. Dozura do torrón, friaxe boa para as carnes abouradas pola doenza ou a paixón, medo de nai de que os fillos fosen desditados. Tamén a nai sofre. Querería unir a todos ditosos e sabe que han de voltar cansos e feridos”. Don Ramón Otero Pedrayo referíase a outras dores pero a cita ben vale para celebrar o outorgamento do premio que leva o nome do de Trasalba a Darío Villanueva, un galego feito de palabras, de etimoloxías, de saberes; un polímata universal, afeito de mundos distintos e distantes, percorredor de universos inalcanzables para case todos, pero que sempre retorna a aldea, como Ulises, na busca da orixe, dos arrecendos de Galicia, da maxia da Terra, Nai e Señora, é posible que do único recuncho do mundo que ten mais de cen nomes para a chuvia nun falar que é como un repenicar da auga fresca contra os cristais, un cantar, poesía pura.

Cóntase, con certa retranca e moita ironía, que Otero Pedrayo, no seu leito de morte, foi visitado polo ministro de Educación. O mestre, cun fío daquela voz que fora retumbante, díxolle en castelán: “Señor ministro, salve el Griego”. Sabía ben o que dicía e o dicía porque sabía. A cultura, os clásicos, o idioma, o educar, o coñecer, o ensinar, son as armas dos seres intelixentes, dotados do prodixio de ser e estar, do compromiso cos outros, da supervivencia na aldea e na cidade, aquí e alá en Ultramar ou en Europa Central, nas montañas e no mar; seres da visión local e cosmopolita. De Trasalba ou Vilalba o Campus Stellae, e todo sen perder a perspectiva, sempre cos pés non chan e a cabeza ergueita para afrontar as desiguais circunstancias -nin sempre favorables nin sempre oportunas-, para avanzar con tento, asumindo a responsabilidade de cada unha das xeografías racionais, das complexidades cambiantes, as que Ortega chamou “circunstancias”. Darío Villanueva leva dando resposta a todos eses entenderes, exercendo a súas responsabilidades, coa discreción que caracteriza os sabios da nosa tribo galaica, deste pobo de boina e Castromil, que cando quere, sabe, e cando non sabe, disimula.

Nunhas declaracións a Víctor F. Freixanes, intelectual emérito, presidente da Academia Galega, o Petrucio don Ramón, dixo: “Trasalba era o paraíso, a infancia, o contacto co cosmos, a noite terrible, os atardeceres, a choiva, os cambios da lúa… Trasalba era, para os nosos ollos de nenos, o berce do universo”. O mesmo di, dun ou doutro xeito, da súa Vilalba natal, Darío, o mesmo escribiu Cunqueiro de Mondoñedo, o mesmo que Valle-Inclán pensaba de Vilanova ou da Pobra do Caramiñal… O certo é que, segundo Vicente Risco, “unha terra, por pequena que pareza, encerra en si tódolos misterios do universo”. Por iso, ilústranos o introdutor de Tagore, aos que din, referíndose a Galicia, que “é ben pequena”, hai que respostarlles que “Galicia é un mundo, é o mundo enteiro. Poderás andala en pouco tempo de norte a sur, e do leste ó oeste noutro tanto; poderás volvela a andar outra vez e outra, e outra aínda; non a has dar andado toda. E de cada vez qu’andes, has atopar cousas novas e outras has botar de menos”.

É certo, “desde o lugar mais pequeno do mundo pódese ollar todo o universo”. As Rosalía, as Emilia Pardo Bazán, as Sofía Casanova, os Otero Pedrayo, os Blancoamor, os Casares, os Cela, os Torrente, os Valle-Inclán, os Alfredo Conde, os Villanueva, os Freixanes, as Yolanda Castaño, as María Xosé Porteiro, e outros moitos imposibles de esquecer e tamén de nomear aquí, fannos destemer de tanta globalidade ameazante. Nas súas novelas, nos seus poemas, nas súas palabras, nos seus traballos, no seu modo de ser e de actuar pervive a esperanza dunha cultura propia, singular, arelante de mundos e de convivencia, crecente en achados e en novos valores en tódolos campos. “Pode Galicia ser pequena en extensión, en fondura, en entidade, é tan grande coma queiras, e dende logo, moito meirande de como ti a ves”. Risco foi concluínte.

Acerta o Padroado o premiar a Darío Villanueva, prolongación dunha ristra de nomes inmortais da cultura galega, xa inmortais asociados o Premio de Trasalba; acertan os Premios da Crítica o recoñecer a Bieito Ledo. A Nai agasalla os seus fillos, e iso importa e moito en tempos en que as ameazas son incontables, nos que os idiomas morren e as culturas desaparecen enredadas nunha policrise inmensa. Nós aquí estamos, na aldea, nos pobos, nas vilas, nas cidades, na paisaxe fermosa da fin do mundo, doentes e apixonados si, “cansos e feridos”, mais defendendo o noso, recoñecendo aos irmáns, preservando o medio natural, estimulando o maxín, creando moda, e formando as novas xeracións, ofrecéndolles referentes humanoss e racionais, como o Villanueva. Que a ninguén lle pareza mal, iso espero.

Alberto Barciela.

Xornalista.

Outros artigos

“25 abril medio século de história”. Manuel Dominguez

Este ano de 2024 celebramos meio século dende aquele Abril dos Cravos, Portugal era uma ditadura, os jovens capitães rebelaram-se e tomaram o poder, sendo um exemplo global ao entregar o poder ao povo.O contra-sinal do levante era “E depois doa deus”, depois a...

+

“Estratexias kafkianas” – José Manuel Pena

Despois de tantos anos de período democrático e de liberdades en España, queda de manifesto que o espírito da transición durou o xusto e necesario para que se producise unha amnistía xeral de todos os crimes cometidos durante as catro décadas da ditadura militar...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Na memoria da veciñanza”. Luís Celeiro

“Na memoria da veciñanza”. Luís Celeiro

Ela pensaba que morría aquela mesma noite. Despídese das amizades, dos poucosfamiliares que lle quedaban, vai ao refuxio dos animais abandonados e dálle un bico a cadaun dos cadelos e a algunha das cadelas que moraban naquel espazo cheirento, naquel lugarque fedía e...