Airiños prolonga a súa celebración dos 90 anos de andaina con “As vellas non deben namorarse” en Asados este domingo 15 e en Rianxo o 22

14 Outubro 2023

Teatro Airiños, a histórica agrupación de Asados (Rianxo), segue adiante co completo programa de celebración que festexan e visualizan os seus 90 anos de actividade sobre as táboas. Este domingo 15 de outubro volven aos escenarios con As vellas non deben namorarse, versión da peza teatral doutro ilustre rianxeiro: Castelao. Será ás 19.00 horas no Centro Social de Atalaia, en Asados. A función vén da man do Grupo de Teatro Airiños coa colaboración do Concello de Rianxo. Días despois, o 22, a función será representada no Auditorio de Rianxo (e previamente, o 21 do mesmo mesmo, en Santiago).

Máis información no Facebook.

Primeiras datas de As vellas non deben de namorarse

– 15 de outubro – Asados

-21 de outubro – Santiago de Compostela. CDG, Salón Teatro

-22 de outubro – Rianxo. Auditorio de Rianxo

Ficha da obra (Airiños)

Castelao escribe Os vellos non deben de namorarse durante a súa estadía en New York no 1939 “para regalía do pobo galego”. Unha obra dramática que conxuga a tradición galega coa vangarda europea.

Neste 2023, e con motivo da celebración do noso 90 aniversario, o grupo Airiños quixo revisar este clásico para observar que ocorre “se os vellos pasan a vellas e deixamos paso a outras identidades”. A encargada deste experimento foi Amantia Coello, quen tamén dirixe e se encarga da escenografía.

Explícao Airiños deste xeito: “A nova versión non só consiste en trocar o ‘o’ polo ‘a’, senón que leva a toda unha reflexión sobre o amor, a idade, a morte e os intereses económicos e sociais. Unha proposta acompañada dunha estética chea de cor e música, que a achega aos nosos días”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“O Barbanza: Cinco anos de xornalismo independente”

“O Barbanza: Cinco anos de xornalismo independente”

Hai cinco anos, en maio do 2019 nacía na súa edición dixital obarbanza.gal e uns días despois na de papel O Barbanza, sempre en galego e baixo a cobertura do Grupo Código Cero Comunicación. Dicíamos daquela que eramos un grupo de profesionais decididos a aventurarnos...