Xa comeza a sentirse a celebración do Samaín (o 1 de novembro) e a Concellaría da Cultura da Pobra do Caramiñal que dirixe Patricia Lojo deseñou con total motivo unha programación orientada principalmente á xente nova, con música e, sobre todo, diversión.

“Nesta ocasión queremos achegar a tradición dun xeito distendido ao tempo que reforzamos as propostas de lecer e culturais nunha tempada baixa con relación ao ocio por causa da situación meteorolóxica”, explicou a concelleira, quen tamén fixo fincapé no vínculo deste festexo co ámbito cultural, pois as súas orixes remóntanse “a cando os poboados celtas conmemoraban o cambio de estación, o remate da colleita e o inicio dun novo ciclo; se ben se adoita vencellar tamén co período no cal se dilúe a barreira que separa o mundo dos vivos e o dos mortos.”
A axenda arrancará na noite do venres 27 cunha festa neon do terror. Un toldo situado na praza do Emigrante contará, a partir das 23.00 horas, cun obradoiro de pintura de neon, decoración propia da ocasión e música con DJ.
E o groso das actividades chegará no martes 31. A xornada comezará ás 19.00 horas coa actuación infantil Movendo os Esqueletos a cargo de Animar-t, no interior do toldo da referida praza. Ademais, a alameda converterase un ano máis nuns xardíns terroríficos e estará ambientada arredor da lenda da Santa Compaña. Transcorrerá en horario de 20.30 a 23.00 horas e requírese a inscrición previa para participar a través da ligazón habilitada. O ritmo regresará á praza do Emigrante das 21.00 horas en diante cunha sesión DJ.
Convídase, polo tanto, a que as persoas asistentes “se disfracen de personaxes acordes coa temática para acentuar a atmosfera terrorífica”, engadiu a edil.




