O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, realizou este martes 10 de outubro unha visita visita institucional ao Concello de Padrón, onde se reuniu co alcalde, Anxo Rei Arca, e cos integrantes grupo de Goberno municipal. Na visita participou tamén o deputado provincial Antonio Leira.
Nesta primeira reunión institucional entre Formoso e Rei abordouse o estado de distintos proxectos do municipio que contan co apoio da Deputación, así como os proxectos de futuro nos que a institución provincial poida prestar a súa colaboración.
Formoso destacou “os case 9 millóns de euros que a Deputación leva investidos en Padrón a través de diferentes actuacións, entre as que destaca o Plan Único, e que tiveron como obxectivo a mellora de diferentes espazos e infraestruturas públicas” en lugares como Extramundi, Pazos, Herbón, etc. “Son máis de 55 obras que melloran a calidade de vida da veciñanza de Padrón”, comentou.
Pola súa banda, o alcalde expuxo diferentes proxectos para os que pediu a colaboración da institución provincial, entre eles a creación de novas infraestruturas deportivas urbanas como un parque de skate e calistenia. “É unha demanda que a Deputación terá en conta de cara aos próximos investimentos no municipio”, dixo.
O presidente da Deputación e o alcalde de Padrón visitaron tamén a Casa Museo de Rosalía, sede da Fundación Rosalía de Castro, acompañados do presidente da entidade, Anxo Angueira. Formoso lembrou que a Deputación, que forma parte do padroado da entidade, mantén ao longo dos anos “un firme compromiso” e “unha estreita relación” coa Fundación Rosalía de Castro. Durante a visita o presidente provincial anunciou que “asumimos un novo compromiso coa alcaldía e a Fundación Rosalía de Castro para investir na recuperación e posta en valor dun espazo moi importante para Padrón e para Galicia, como é o xardín exterior do inmóbel, no que se atopan especies senlleiras de gran riqueza botánica”. A Deputación atenderá así a demanda do Concello e a Fundación para recuperar este espazo singular cun investimento próximo aos 60.000 euros nun “lugar emblemático cuxa historia merece ser contada e coñecida”
Nos últimos anos, a Deputación da Coruña contribíu con máis de 178.000 euros á mellora das instalacións, a musealización e a construción do auditorio da Casa de Rosalía en Padrón, ademais de apoiar a programación do 50 aniversario e de ceder diferentes obras de arte, como o retrato de Rosalía debuxado por Modesto Brocos ou distintos cadros de Ovidio Murguía que hoxe forman parte da colección artística que se exhibe ao público no Museo.
Formoso e Rei visitaron tamén a sede da cooperativa xuvenil Moira, creada por cinco mozas do municipio.
Moira gañou este ano o premio a proxectos de cooperativas do sector do mercadotecnia dixital impulsado pola Deputación da Coruña e a Fundación Paideia, e dotado con 60.000 euros para impulsar o crecemento e actividade desta iniciativa emprendedora durante o seu primeiro ano de funcionamento.