A Asociación de Empresarios de Ribeira emitiu un comunicado relativo aos problemas de seguridade cidadá que sofre o concello (agravados os últimos días) e co que quere saír ao paso dos mesmos e adherirse á petición de máis axentes de Policía Local e Policía Nacional emitida dende o Concello e dende boa parte da cidadanía, logo dos acontecementos vandálicos acaecidos nas rúas Cordieiro e Agustín Fernández Oujo.
“Queremos recordar que esta demanda é unha antiga reclamación da nosa entidade, feita en innumerábeis ocasións á antiga Corporación para que traballase por implementar medidas capaces de acabar ou polo menos diminuír o vandalismo na nosa cidade”, sinala a asociación a través do seu presidente Francisco Martínez Gude, engadindo que “tempo atrás enviamos escrito á Delegación do Goberno solicitando medidas para solucionar este problema e con motivo da inauguración da nova Comisaría de Policía, volvémonos dirixir á Delegación do Goberno solicitando que implementase o persoal de axentes que por volume de poboación nos pertence”.
A patronal sinala que “até o momento foron infrutuosas as reclamacións como calquera veciño pode constatar, a pesar de contestarnos que en breve dotarían a comisaria do persoal adecuado”.
A asociación recoñece ter mantido conversas coa Corporación actual na mesma liña, á que lle manifestaron que “a veciñanza quere, e nós tamén, máis presenza policial nas rúas, da Nacional e da Local e que esta presenza sexa maioritariamente a pé, pois pasar de cando en vez en coche non nos parece a forma máis eficaz de loitar contra a delincuencia”.
E conclúe a patronal: “Queremos aproveitar esta carta para esixir á Corporación municipal, tome cartas no asunto coa maior celeridade e emprazamos a todas as entidades de calquera tipo que conforman o tecido social da nosa cidade se unan a esta petición e así o manifesten, non vaia ser que teñamos que vivir feitos máis graves ante os cales daquela todo serán lamentacións”.



