Volve Ana Kiro para representar a Galicia na Eurovisión mundial da Intelixencia Artificial

22 Setembro 2023

O Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC recreou a voz da cantante galega Ana Kiro, falecida en 2010, para que represente á nosa terra no festival que está considerado a Eurovisión mundial da Intelixencia Artificial: o AI Song Contest. Deste xeito, Kiro representará a Galicia co equipo PAMP! e a canción Florespiña no dito evento internacional, programado para o sábado 4 de novembro na Coruña. O Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS) encargouse de realizar a xeración de voz, o que implica a recreacion da fala normal e cantada desta artista finada no ano 2010.

Neste proxecto en concreto o CiTIUS traballou co grupo multidisciplinar de doce persoas artistas, enxeñeiras, investigadoras e músicas galegas que conseguiu a segunda posición con AI-Lalelo o ano pasado neste festival.

Segundo sinalaron, o tema Florespiña rende homenaxe á intérprete cunha viaxe musical do pasado ao futuro, incluído unha nova versión dela no metaverso, “co obxectivo de inmortalizar e resignificar o seu legado ás novas xeracións empregando a intelixencia artificial”, apuntan dende o equipo, liderado polo director creativo Joel Cava, responsable da delegación galega e produtor executivo da edición 2023.

Senén Barro, director do CiTIUS, na presentación do proxecto

A proposta, que conta coa aprobación expresa e o recoñecemento da famila de Ana Kiro, comeza cun recitado da artista que regresa tras trece anos de ausencia polo seu pasamento. Pódese escoitar nas principais plataformas de música en streaming, por exemplo en Youtube.

Florespiña competirá directamente contra unha decena de finalistas de todo o mundo na final deste concurso internacional, impulsado inicialmente en 2020 polas radiotelevisións públicas neerlandesas VPRO e NPO coa supervisión da Unión Europea de Radiodifusión e organizado despois pola fundación Stichting AISC.

Segundo informou o CiTIUS, será “un programa de televisión en directo con público asistente en Studio Follow da Grela, onde a cultura galega estará moi presente, e converterá a cidade herculina na capital mundial da música feita con Intelixencia Artificial. Amais, constituirá unha ocasión para dar visibilidade á futura Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA), que nacerá en Galicia como primeiro organismo no seu ámbito do mundo.

As entradas da gala están á venda a través da plataforma Ticket Hoy. 

As persoas responsables desta iniciativa pioneira levan por nome PAMP! (Proxecto Ana María Prieto), tributo á primeira muller programadora informática galega. O grupo está formado por Javi Cardama, César Díaz, Fernando Estévez, e Ruben Laso, todos eles do CiTIUS, xunto a Juan Alonso, Camille Hedouin (Mounqup), Sofía Infante, Eva Outeiro, Xandre Outeiro, David Santos e Marta Verde, coordinados por Joel Cava, e “contemplan a intelixencia artificial só como ferramenta colaborativa e complementaria ao traballo musical, nunca substituta das persoas, onde estas son as únicas decisoras e supervisoras do proceso creativo, e sempre seguindo un uso ético, responsable e transparente para promover a lingua e cultura de Galicia”, explican.
 

Outros artigos

Este mércores 23, comeza o outono logo dun verán de récord

Este verán foi o de maior número de días con temperatura máxima por riba dos 30 graos en Compostela, segundo datos do Observatorio Astronómico da USC Comeza o outono. Foto: Santi Alvite Ás 2:05 horas do mércores 23 dá comezo o outono no hemisferio boreal. Esa hora...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Axúdanlles moito máis aos estranxeiros que ás familias humildes da zona”. Observo como unha muller inmigrante, entregaba un cupón de alimentos, e saía do supermercado con dous carros repletos de comida, mentres que a unha veciña, sen apenas recursos, só lle dan unha...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.