Os rapaces e rapazas participantes no Campamento Concilia Verán 2023 do Concello de Boiro gozaron este mércores 30 de agosto dunha festa de despedida con inchábeis, obradoiros de traballos manuais, ao que se engadiu unha festa da escuma. As concelleiras de Educación, Carmen Silva, e Cultura, María Outeiral, acompañaron á rapazada na última xornada do campamento.
Preto de 200 rapaces e rapazas participaron nos meses de xullo e agosto no Campamento Concilia de Verán 2023 que se levou a cabo dende o departamento de Educación do Concello de Boiro. As actividades desenvolvéronse en Boiro, Cabo de Cruz, Abanqueiro e Cespón co obxectivo de “facilitar a conciliación familiar durante as vacacións escolares”.

O servizo, destinado a nenas e nenos de entre 3 e 12 anos ofreceu horarios flexíbeis co obxectivo de facilitar ás familias un recursos de conciliación, ofrecendo “unha alternativa lúdica, formativa e integradora de ocio e tempo libre ás persoas participantes”.
As actividades realizadas estiveron baseadas en técnicas de intervención participativas e activas coas que fomentar a creatividade e os valores de respecto e solidariedade con enfoques non sexistas, planificadas segundo as idades e necesidades socioeducativas. O programa de actividades combinou as realizadas no propio centro con saídas lúdicas ao teatro ou visitas formativas.



