Ricardo Suárez representará ao BNG na Mancomunidade Serra do Barbanza

01 Setembro 2023


O BNG vén de escoller a Ricardo Suárez como representante da formación na Mancomunidade Serra do Barbanza, a entidade responsábel da xestión dos residuos urbanos nos municipios de Carnota, Muros, Noia, Lousame, Porto do Son e Brión (como membros de pleno dereito), así como en Ames, Rois e Pontecesures (como clientes da planta de reciclaxe de Servia, en Lousame).

Desta forma, a actual alcaldesa de Muros, María Lago, que tamén fará parte da xunta reitora da mancomunidade na condición de mandataria da localidade muradá, deixa paso a Suárez como representante da forza nacionalista no órgano.

Ricardo Suárez nunha imaxe de arquivo

Por outra parte, o BNG tamén nomeou ao brionés Tito Souto como relevo para acudir ás reunións da xunta reitora da Mancomunidade Serra do Barbanza.

O BNG denunciou o que considera unha “falta de iniciativa” na entidade e “os reiterados incumprimentos dos estatutos da mancomunidade por parte das últimas presidencias”.

“Chegou xa o mes no que remata a concesión da xestión da planta á actual empresa adxudicataria e a
presidencia permanece inactiva e sen activar os órganos de debate e decisión, leva todo o mandato sen convocar unha asemblea xeral e fai máis dun ano que non se celebra xunta reitora, deixando á cidadanía e ao persoal da planta nunha situación de incerteza total”, salientaron os nacionalistas, engadindo que “os estatutos obrigan a que os órganos de xestión sexan convocados, mais na mancomunidade reina o escurantismo, algo máis grave ante momento crítico que vive a planta de reciclaxe de Servia”, destacou a representación do BNG.

E engadiron: “Tanto as anteriores presidencias do PP como o actual mandatario socialista demostraron unha actitude antidemocrática e un total desleixo que deixa ao persoal da planta ante un futuro incerto”.

A forza nacionalista tamén alertou sobre as consecuencias da intención do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) de acabar co modelo húmido-seco, a tipoloxía de reciclaxe coa que funciona a planta de Servia. “O Goberno español acaba cun modelo eficiente como o da planta da mancomunidade, mais o PSdeG non asume a súa responsabilidade, nin ofrece unha alternativa que actualice a planta e asegure a conservación dos postos de traballo”, afirma o BNG.

“O prioritario”, sinala Ricardo Suárez, “sería que os concellos que forman a Mancomunidade fixesen unha auditoría do estado da planta, redactasen uns novos pregos de contratación, e contratasen unha xestora propia que dirixira a planta, xa que, neste momento é a propia empresa a que leva a xerencia, descoidando o mantemento das instalacións e incumplindo sistemáticamente as condicións do contrato”.

Outros artigos

O Culturgal Expandido recala en Muros entre o 16 e o 18 de outubro

Artur Puga O Mercado Municipal de Muros acollerá entre o 16 e o 18 de outubro (de venres a domingo) a edición 2026 do Culturgal Expandido, coa colaboración da Deputación da Coruña e o Concello de Muros. O programa inclúe actividades para todas as idades e a presenza...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

Cando a secretaria da Academia Sueca a chamou para comunicarlle a concesión do Nobel de Literatura, Anne Carson estaba en Islandia, segundo dixo, escoitando o vento. Aos setenta e seis anos, unha muller que viviu de ensinar grego antigo, traduciu a Safo e deulle nova...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.