Rianxo e Rois apostan polos contidos en galego coa sétima edición dos premios Youtubeiras

21 Setembro 2023

Este venres 22 de setembro presentouse a sétima edición do certame Youtubeiras, proxecto organizado polos servizos de Normalización Lingüística de nove concellos (Rois, Rianxo, Santiago de Compostela, Carballo, Ames, Moaña, Pontevedra, Ribadeo, Teo e O Grove), das tres universidades galegas e da Deputación da Coruña. O obxectivo será novamente encher as redes de contidos audiovisuais en galego, poñendo o foco no Youtube e no talento da nosa mocidade. Desta volta farase especial fincapé no inclusivo, de feito o lema deste ano é Rede aberta, Rede diversa.

“Volve Youtubeiras un ano máis e volven os seus premios nunha sétima edición que continúa a afondar na súa consolidación”, adiantou Demetrio Gómez Xunqueira, concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra, nunha rolda de prensa que se celebrou este venres 22, e na que estivo acompañado por Blas García, alcalde de Ames; Victoria Quiroga, concelleira de Lingua do Concello de Rois; e Susana Reboreda, vicerreitora de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo. Neste senso, Gómez Xunqueira sinalou que “este é, polos seus méritos e pola súa traxectoria, un certame de referencia para a comunidade creadora de contidos dixitais na nosa lingua”.

A senda da consolidación é un elemento que foi destacado ao longo das diferentes intervencións para definir uns premios que, neste 2023, se celebran como dixemos baixo o lema Rede aberta, Rede diversa. “Debemos tomar conciencia de que é crucial que todos e todas nos impliquemos na defensa da lingua galega, en especial a Administración autonómica. É unha fantástica noticia que se poida empregar o galego no Congreso”, sinalou Blas García, alcalde de Ames, que tamén destacou a consolidación dos galardóns como referente, explicando que o proxecto “serviu para dar acubillo a esta comunidade creadora na nosa lingua, fomentar a súa actividade e tamén a súa medra e expansión”.

Pola súa banda, Victoria Quiroga aproveitou a súa intervención para lembrar as categorías. “Este ano repítense as mesmas modalidades e contías que en 2022. Cremos que é a estrutura máis acaída para continuar a acompañar este ano a comunidade creadora de contidos na lingua en YouTube, labor que a organización vén desenvolvendo con éxito dende a posta en marcha de Youtubeiras en 2017”, sinalou a concelleira de Rois, quen quixo valorizar o “importante” que resulta sempre a colaboración institucional en proxectos de “fomento da lingua” como é o caso de Youtubeiras.

O xurado estará conformado por Nee Barros (@neeumatiko), divulgadore cultural, escritore e youtubeire, quen se fixo co galardón a Youtubeira/o na pasada edición; Fátima Souto Muñiz, bolseira do Servizo de Normalización do Concello de Ames; Irene Pin, creadora audiovisual; Rodri Míguez, xornalista musical e membro de equipos de comunicación de festivais e artistas; e Belén Puime, creadora de contido audiovisual a través do perfil @pringadas.serie tanto en TikTok como en Instagram.

As categorías este ano volven ser as seguintes: Canle, Youtubeira, Youtubeira Revelación, Vídeo, Calidade Lingüística, Pioneiro, Rede e o Premio do Público. Todos os apartados están dotados con 1.000 euros, agás o último ao que se destinan 500 euros. Os vídeos que se presenten deberán estar subidos con data posterior ao 15 de novembro do 2022. O prazo para presentarse iníciase este 22 de setembro e manterase aberto ata o vindeiro 17 de novembro ás 23.59 horas. As persoas participantes deberán inscribirse a través da web www.youtubeiras.gal.

Na presentación Susana Reboreda centrou a súa intervención en achegar as cifras que obtiveron os Premios Yotubeiras ao longo da súa historia. “No ano 2017, correspondente á primeira edición, rexistramos unha participación de 202 vídeos. Mentres, en 2020, a cifra chegou a 536. A partir desa edición, procuramos fixarnos nas canles. Así, en 2021, presentáronse 38 canles, pero xa en 2022 a cifra chegou a 75”, resumiu Reboreda. A esta medra na participación cómpre sumarlles outras melloras rexistradas. “Incrementouse, ano a ano, a riqueza temática dos participantes e o seu nivel técnico”, explicou a vicerreitora da Universidade de Vigo.

O proxecto Youtubeiras virá novamente con obradoiros nos centros de ensino dos concellos implicados. A creadora de contidos María Rúa, coñecida pola canle PradoRúa, será unha das voces encargadas de achegar ao alumnado a realidade do galego como ferramenta de creación e, tamén, de visualización na Rede, a súa experiencia como creadora audiovisual e as claves precisas tanto para coñecer este mundo virtual como para sumarse a el.

Nesa mesma liña de difusión, realizaranse colaboracións con creadoras de contidos que se sumarán este ano ás campañas de difusión para darlles a coñecer aos seus seguidores a comunidade de creadoras de contidos en galego. Esta iniciativa de promoción desenvolverase en plataformas e redes como Facebook, Instagram ou TikTok.

Na rolda de prensa tamén estiveron representantes institucionais e persoal técnico de Normalización Lingüísticas das diferentes institucións organizadores. Dende Carballo acudiu a concelleira Maruxa Cotelo, de Moaña asistiu a concelleira Dolores Chapela e por parte de Santiago de Compostela, Pilar Lueiro. A concelleira María Vázquez representou a Teo e Soledad Agra acudiu en nome da Deputación da Coruña.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...