O Obradoiro de Emprego Tahume VIII, impulsado polos Concellos de Ribeira e Porto do Son, celebrou este luns 25 de setembro a clausura do servizo de comedor social que realizaba o alumnado da modalidade de Cociña, encargado de elaborar os menús para os comensais beneficiarios do programa Almorzos Solidarios.

Ao evento, que consistiu nunha demostración gastronómica realizada polo alumnado, asistiron a concelleira de Emprego, Genoveva Betanzos, o concelleiro de Servizos Sociais, Vicente Mariño e o concelleiro de Mar, Fernando Abraldes.

Trala finalización do Obradoiro de Emprego e co propósito de “dar continuidade ao programa” e “garantir a cobertura das necesidades básicas dos beneficiarios”, o Concello de Ribeira contratou un servizo de catering para elaborar e entregar os menús aos usuarios do programa ata fin de ano.

“O programa Almorzos Solidarios está destinado a persoas en situación de exclusión social residentes no concello de Ribeira que non teñan cubertas as súas necesidades básicas”, explicou o concelleiro de Servizos Sociais Vicente Mariño.
Este programa realizase a través de Servizos Sociais Comunitarios en colaboración coa entidade ICE Renovación.




