
Era, daquela, rúa General Franco, actualmente rúa Galicia. Xusto en fronte, estaba a reloxaría de Eugenio. As horas, nunha e outra beirarrúa, marcaban o latexo da vida daquela Ribeira dos anos 50 na que non se rifaba por recoñecer como día festivo o da Dorna (que só era grande durante a tarde do 24 de xullo, coa botadura da dorna que se doaba a unha familia necesitada en acto solidario a celebrar na rampla do varadoiro) nen tampouco o martes de Entroido, que comezaba a ser festa cando, xa entre lusco e fusco, O Marqués e a súa dona sacaban a pasear polas rúas os seus disfraces, sempre celebrados polos choqueiros ata que retornaban ao seu Bandaurrío coa satisfación da “misión cumprida”, que non era outra que a de se divertir, divertindo.
Foi nese tempo -cando na hoxe rúa Galicia só existían os cafés de Pedro e de María Núñez- que abriu as portas ao público a “Cafetería Nordeste”, a primeira desta condición na vila-cidade na que había dous cines e dous locais nos que a xuventude se entretiña: o Frente de Juventudes e o de Acción Católica, amén do campo de fútbol de Frións e as instalacións deportivas do Grupo Escolar Francisco Franco.
O “Nordeste” foi un punto de atracción sobre todo para as mulleres, que non accedían aos bares e tabernas aos que só ían os homes, mentres as mulleres escoitaban na radio “Ama Rosa” e os cativos “Dos hombres buenos” e “Diego Valor”.
Non houbo televisión en estabelecementos de hostalaría ata que o “Nordés” puxo no local o primeiro televisor. Tamén foi o primeiro local e dispor dunha máquina tocadiscos e unha terraza con mesas, xa en tempos nos que os irmáns Antonio e Pepe Novo rexentaban un local sempre concorrido e cun altiño ao que comezaron a ir as parellas.
Agora o “Nordeste” reabre, após moitos de fechar as portas, mudando os obxectivos iniciais: do coktail pasa ao xamón, pero á fronte do mesmo está outro Novo, fillo e sobriño dos anteriores propietarios. Un local que, inicialmente, chegara a contar con atraccións en directo, se ben é certo que durante moi pouco tempo. Sempre lugar de encontro e, especialmete en verán, un espazo -a terraza- onde poder ver e que te viran, porque de todo houbo e haberá sempre.