O Concello de Boiro adxudica por un importe de 76.862,55 euros as obras para a mellora do camiño rural de Cariño até a igrexa e o cemiterio do Castro. A actuación forma parte do plan de mellora de camiños rurais 2023-2024 da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural co-financiado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEDER).

O obxectivo destas obras é mellorar o acceso ao núcleo de Cariño e a relación entre o núcleo rural e a igrexa e cemiterio do Castro en dous tramos. O primeiro dos treitos que se se pretende executar é o que percorre o núcleo de Cariño, en Cabo de Cruz, e que se atopa entre edificacións. Segundo explican fontes do Concello, “vaise levar a a cabo a renovación do pavimento asfáltico que se atopa moi deteriorado, mantendo a sección existente que varía entre os 4,40 e os 6 metros, e incorporar sinalización para mellorar a seguridade viaria”.
O segundo tramo da obra é o que vai dende o núcleo de Cariño á igrexa e o cemiterio. Neste tramo preténdese ampliar o ancho da sección dos 5 metros que hai na actualidade ata os 8 metros para incorporar unha rede de recollida de pluviais. A actuación completa pretende a rehabilitación superficial cunha nova capa de rodaxe asfáltica e aumentar a sección da vía e executar a rede de pluviais, incorporando sinalización vertical e horizontal para aumentar a seguridade viaria.
As actuacións están enmarcadas nas axudas da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), correspondentes como dixemos ao plan de mellora de camiños municipais que teñen como finalidade mellorar a accesibilidade e interrelación entre os núcleos do rural.



