O alumnado da especialidade de Confección e Montaxe de Redes e Aparellos do Obradoiro Tahume VIII, impulsado polos Concellos de Porto do Son e Ribeira para fomentar a empregabilidade e a especialización laboral da cidadanía, vén de facer entrega das redes de protección para o Campo de Fútbol Municipal “Emilio García”. O material para porterías foi recollido polo concelleiro de Deportes, Carlos Lorenzo.

Ademais, o alumnado do Certificado de Confección e Montaxe de Artes e Aparellos do Obradoiro de Emprego Tahume VIII visitou a semana pasada a nave de redes de Porto do Son, onde puido coñecer de primeira man o día a día das traballadoras e mergullarse nas confeccións de artes menores. Tamén puideron descubrir os detalles dunha unha exposición en miniatura dos diferentes tipos de aparellos e artes e a súa pegada no tempo, unha pegada que se remonta a moitos anos atrás (de feito as redeiras de Porto do Son dispoñen entre os seus tesouros de redes con máis de 100 anos de antigüidade).
O Obradoiro de Emprego Tahume vén da man dos Concellos de Porto do Son e Ribeira. As dúas especialidades activas da oitava edición de Tahume (aparellos de pesca, por unha banda, e cociña, pola outra) teñen a finalidade de favorecer a inserción laboral das persoas desempregadas dos dous municipios (Ribeira e Porto do Son) a través de formación especializada, avanzada e dunha índole marcadamente práctica, poñendo o foco na mocidade local. Un total de vinte alumnos e alumnas participan nesta convocatoria, unha edición dual con dúas especialidades distintas: por unha banda operacións básicas de cociña e pastelería e, pola outra, confección e montaxe de artes e aparellos.