A Concellería de Cultura de Noia que dirixe José Pérez compartiu a súa axenda de actividades para este mes de setembro, moi centrada en ofrecer espectáculos culturais para a rapazada, aínda que tamén se inclúen cursos de baile para os maiores.

O programa ofrecerá o vindeiro 22 de setembro, venres, un contacontos infantil:Leo e as cores, a cargo de Trécola Teatro. Será ás 18.00 horas na Casa da Cultura Avilés de Taramancos. Trátase dunha actividade abeirada ao programa Ler Conta Moito. As prazas son limitadas e as inscricións cómpre facelas a través do 699 30 14 81, en horario de mañá.
Na mesma xornada do 22 de setembro celebraranse dous obradoiros de baile gratuítos para persoas maiores (de linedance e de bailes de salón, ás 20.30 e ás 21.30 horas) no Edificio Casino, impartidos polo profesor Francisco Muñiz e o Taller Alecrín. Cómpre contactar coa organización a través da conta talleralecrin@gmail ou o teléfono 698 150 432.
O sábado 23 de setembro será a quenda da Compañía Elefante Elegante, que representará no Teatro Coliseo Noela o espectáculo Cubo, a partir das 18.30 horas. Trátase dunha peza abeirada o programa FalaRedes da Secretaría Xeral de Política Lingüística e pensada para “animar os rapaces e rapazas a saír a explorar o mundo que os rodea e facelo en galego”. A maiores, Cubo é “un espectáculo teatral de fantasía, humor e poesía dirixido a público infantil e familiar que evoca a amizade, as separacións, a necesidade de coñecemento e a aventura de medrar desde a igualdade, rompendo os arquetipos de xénero”.
A axenda proseguirá o venres 29 de setembro con Coas mans na masa, de Caxoto. Trátase dunha proposta para rapazas e rapaces de 4 anos en adiante, un contacontos cheo de humor, igualdade de xénero “e moi pouco de cociña”.
Será ás 18.00 horas na Casa da Cultura Avilés de Taramancos. As prazas son limitadas e as inscricións cómpre facelas a través do 699 30 14 81, en horario de mañá.