Inaugurada a planta de Conservas Cerqueira en Rianxo

26 Setembro 2023

Conservas Cequeira inaugurou hoxe as súas novas instalacións industriais situadas no polígono industrial do Té, na localidade coruñesa de Rianxo, con capacidade para ocupar a 250 traballadores. A factoría requiriu un investimento superior aos 28 millóns de euros e conta cunha superficie de 18.000 metros cadrados.
A apertura oficial foi protagonizada polo presidente de Conservas Cerqueira, Juan Manuel Cerqueira Ozores; o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco Lobeiras; o vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, Diego Calvo Pouso: o alcalde de Rianxo, Julián Bustelo Abuín, e o conselleiro do Mar, Alfonso Villares Bermúdez.
A nova factoría asumirá a produción da planta da firma viguesa que ata o de agora operaba en Ribeira, pero ampliándoa, ao incorporar novas liñas de traballo.
Trátase da fábrica de maiores dimensións de Conservas Cerqueira, a máis avanzada tecnoloxicamente e a máis eficiente desde o punto de vista ambiental, xa que está dotada cos máis modernos sistemas de tratamento e reutilización de auga, de enerxías renovables e de aproveitamento enerxético. Ademais, a planta está completamente automatizada e sensorizada mediante un sistema centralizado de xestión,
así como equipada cos últimos sistemas de seguridade.
Conservas Cerqueira figura entre as 20 primeiras conserveiras de España, cun volume de produción que supera os 40 millóns de latas anuais. A compañía iniciou a súa actividade hai máis de 130 anos, o que a sitúa como unha das empresas cunha traxectoria máis ampla do sector en España.

O seu presidente, Juan Manuel Cerqueira, destacou na súa intervención o fito histórico que supón para a compañía a apertura de “estas magníficas instalacións, que están pensadas non só para producir máis, senón tamén, mellor, con procesos produtivos que sexan respectuosos co medioambiente, á vez que seguimos, como sempre fixemos”, engadiu, “perseguindo a excelencia”. Ademais, referiuse aos desafíos
futuros para a compañía que, dixo, “pasan necesariamente pola innovación e a sustentabilidade, dúas dos piares sobre os que levantamos este novo espazo”.
Cerqueira quixo agradecer tamén “a todos os que, co seu esforzo e a súa constancia, contribuíron a alcanzar este logro empresarial”, entre os que destacou aos accionistas da empresa, aos seus traballadores e directivos, aos clientes, aos provedores e ás entidades financeiras. “A coraxe e a constancia no traballo”, concluíu, “son os faros que aluman e guían ás nosas empresas para continuar
avanzando pola senda do desenvolvemento, que é o único camiño posible, a pesar das incertezas que nos asalten e da vertixe que sempre xera a posta en marcha dun proxecto que supoña un investimento desta magnitude”.
O máximo responsable da empresa apostou por que a nova instalación industrial contribúa ao progreso da localidade onde se sitúa, Rianxo, así como ao desenvolvemento socioeconómico da comarca do Barbanza e de toda a comunidade autónoma.
No acto de inauguración de hoxe, conducido pola xornalista da TVG Almudena Urzáiz, tamén estiveron presentes, entre outros, membros da corporación local de Rianxo; e unha nutrida representación de directivos, accionistas, provedores e clientes de Conservas Cerqueira.

Outros artigos

Aprazada pola previsión de mal tempo a IX Andaina Solidaria CONGALSA

Debido á mala previsión meteorolóxica que espera para esta fin de semana aprázase a IX/IX Andaina Solidaria CONGALSA. Respecto da data definitiva de celebración, a empresa da Pobra impulsora e patrocinadora da iniciativa explica nun comunicado que ao tratarse dunha...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión