A compañía CONGALSA, con sede na Pobra e referente galego e estatal nos ámbitos dos produtos do mar e da innovación empresarial, confirmou novamente a súa participación no salón Conxemar, onde porá en valor solucións e referencias de alimentacións orientadas á canle HORECA (siglas de Hoteis, Restaurantes e Cáterings) a través da súa marca Ibercook Food Service.

Coincidindo coa súa participación na feira (que se celebra en Vigo os días 3, 4 e 5 de outubro, no Instituto Feiral de Vigo, o IFEVI), CONGALSA lanza nova campaña de promoción baixo o título Oído CONGALSA, que pretende poñer en valor as súas distintas solucións e referencias orientadas á canle HORECA, a través da marca Ibercook Food Service.
“Nesta ocasión estaremos centrados en visibilizar as nosas respostas ás necesidades desta canle, que representa un dos nosos principais segmentos de distribución”, resaltou Julio Simarro, director Comercial e Marketing da compañía.

A empresa especializada na elaboración de alimentos conxelados estará presente na caseta 3C01 do recinto feiral do IFEVI, no que tradicionalmente se celebra Conxemar. O equipo de CONGALSA aproveitará a feira para divulgar, principalmente, novidades de produto pero tamén outras xa plenamente consolidadas no seu portfolio.
Así, na caseta de CONGALSA poñeranse en valor desenvolvementos recentes, moitos deles elaborados na súa factoría de Portugal e outros impulsados ao abeiro do seu proxecto de valorización de produtos da pesca local, entre os que destacan a pota enfariñada ou os filetes de xarda bolboreta.
Neste sentido, desde a empresa apúntase a que “a ampla variedade de Ibercook Food Service verase enriquecida con novas referencias e solucións, ideais para diferentes momentos de consumo e formatos de hostalería”. Entre outras propostas, CONGALSA expón na súa caseta no foro vigués os seus pasteis de bacallau e as súas croquetas portuguesas de tenreira.

A filosofía de Oído CONGALSA
Coa campaña Oído CONGALSA a empresa ponse unha vez máis na pel dos hostaleiros e distribuidores da canle HORECA para tentar adiantarse ás súas necesidades, propoñendo produtos de alta calidade capaces de facilitar o traballo diario dos profesionais, mellorando a súa eficiencia e achegando solucións diferenciadoras que fidelicen aos seus clientes.
“Somos especialistas na canle HORECA e traballamos a diario para dar as mellores solucións ás necesidades dos diferentes negocios de restauración. Neste sentido, dispoñemos dun equipo de chefs que asesoran e elaboran as receitas de todos os nosos produtos; para axudar a medrar aos membros deste importante segmento de actividade”, conclúe Julio Simarro.
Para informar detalladamente os pormenores da campaña Oído Congalsa, a empresa deseñou un sitio web específico: www.congalsa.com/oido-congalsa-conxemar. Novidades de produtos, interpretacións dos mesmos, propostas de receitas ou tendencias gastronómicas para ofrecer un valor diferencial aos membros da canle HORECA constitúen algúns dos contidos máis destacables desta web.



