O Pavillón da Cachada acolle os días 30 de setembro e 1 de outubro a primeira xornada da Liga Nacional Indoor de 3×3 na que participa o Club de Baloncesto Santa Baia. O concelleiro de Deportes, Marcos Fajardo, participou na mañá deste 28 de setembro, xoves, na presentación da proba xunto cos membros da directiva Guillermo Outeiral e Saturio Ferreiro.

Segundo explicaron, a proba desenvolverase o sábado en horario de 15.00 a 21.00 horas e o domingo de 9.00 a 15.30 horas. A competición comezará cos partidos dos 10 equipos femininos e seguidamente xogaranse os dos 12 equipos masculinos. “Son partidos de 10 minutos, moi intensos e dinámicos de ver xa que se xogan a unha canastra e con tres xogadores por equipo”, afirmou Guillermo Outeiral.
Trátase dunha liga que comezou o ano pasado e que vai gañando auxe con equipos de diversas comunidades autónomas. “O Santa Baia é o único equipo galego que vai competir nesta liga e Boiro será esta fin de semana a única sede en Galicia na que se vai celebrar unha xornada da liga nacional 3×3”, recoñeceu Saturio Ferreiro.
Pola súa banda, o concelleiro de deportes, Marcos Fajardo, animou á veciñanza a presenciar este evento que vai ser único en Galicia e no que van participar equipos de todo o territorio nacional. “Para o Concello é un orgullo acoller unha proba como esta dunha modalidade nova que está collendo impulso e que trae xente de toda España”, afirmou o concelleiro.



