
Ata un total de 13.479 toneladas de peixe fresco moveron o pasado mes de xullo as lonxas españolas integradas na rede Puertos del Estado. Esta cantidade significa a constatación dun lixeiro incremento do 1,5% verbo do mesmo mes do ano pasado e a redución da fenda no acumulado anual, que segue a se manter en rexistros negativos: un 5.3% menos.
O total subhastado entre xaneiro e xullo deste ano polas lonxas estatais foi de 85.175 toneladas de peixe fresco, fronte ás 86.749 toneladas do mesmo periodo do ano pasado.
As lonxas de Vigo e A Coruña manteñen a desputa por se situar
Como as máis importantes do país: en xullo, a lonxa coruñesa rexistrou un incremento do 91% -pasou de 2.131 toneladas no devandito mes do ano pasado ás 4.097 rexistradas no deste ano- mentres que a de Vigo reduciu lixeiramente o volume de subhastas en xullo ao pasar de 2.802 toneladas o ano pasado, a 2.696 neste xullo, cun 3,78% menos. En troques, no acumulado anual, Vigo mantense á cabeza con 18.108 toneladas e A Coruña con 17.167.
A lonxa coruñesa é a que experimenta un maior crecemento en todo o territorio nacional ao aumentar os seus volumes un 29,3%, mentras que Vigo baixaba un 5,3%.
A terceira lonxa española é a de Pasaia (Euzkadi), con 1.325 toneladas e un acumulado anual de 13.292 toneladas (12,1% de crecemento).
Cádiz é a cuarta lonxa española con 1.158 toneladas en xullo (un 21% menos, e un acumulado de 7.296 (un 2% menos). Na quinta posición do mes de xullo figura a rula de Avilés, con 1.110 toneladas (o 20,66% inferior) e cede esta posición no acumulado anual a prol de Xixón ao baixar un 50% no que vai deste ano. Xixón, pola súa banda, acumulaba 169 toneladas neste exercicio, un 75% menos que o ano pasado.
No tocante ás lonxas dependentes -directa ou indirectamente- da Xunta de Galicia, a de Ribeira conserva o primeiro posto, seguida das de Burela e Celeiro.



