O Concello de Boiro colabora con Agadea Alzheimer a Caixabank nun novo proxecto de prevención no deterioro cognitivo para persoas maiores de 65 anos. O concelleiro de Política Social, Raúl Treus, participou esta mañá na presentación do proxecto xunto con Isabel Rey, presidenta de Agadea Alzheimer; Laura Somoza, coordinadora do Centro de Día de Ribeira; e Fernando Sarasquete e Paula García, de Caixabank.
“Para o Concello de Boiro é sempre un orgullo colaborar con iniciativas como esta que leva a cabo Agadea que busca innovar e seguir mellorando a vida das persoas”, afirmou o concelleiro de Política Social, Raúl Treus. A actividade estará impartida por profesionais de Agadea e conta co apoio da administración pública e a empresa privada.
Trátase dun proxecto dirixido a persoas maiores de 65 anos con dúbidas subxectivas de memoria ou interesadas en preservar as súas capacidades cognitivas. “O obxectivo fundamental deste proxecto é manter o maior tempo posible unha adecuada saúde mental e unha mellor calidade de vida”, afirmou Isabel Rey.
O proxecto vaise levar a cabo todos os martes no Centro Social de Abanqueiro entre os meses de outubro e xuño. “Formaranse dous grupos dun máximo de 10 persoas cos que se realizará un cribado, actividades de envellecemento activo e estudo optométrico e audiolóxico“, afirmou Laura Somoza.
Este programa de prevención do deterioro cognitivo conta co apio de Caixabank: “Trátase dun proxecto moi interesante porque traballa na detección precoz do alzheimer. Agadea traballa para mellorar a vida das persoas e para nós é un orgullo saber que o diñeiro da obra social se inviste nestes proxectos”.
As inscricións están abertas e poden facerse nos teléfonos 672 70 50 53 ou 613 936 987, así como nos Servizos Sociais do Concello de Boiro.




