O 15 de setembro celébrase unha das citas deportivas máis agardadas na Pobra do Caramiñal. Trátase da LXII Milla Urbana Nocturna, que abrangue das modalidades sub-6 ata a máster e para a cal se estima unha participación de preto de 300 persoas. As saídas efectuaranse a partir das 22.00 horas fronte ós Xardíns de Valle-Inclán, lugar en que tamén rematará o evento preto da medianoite.

O concelleiro dos Deportes, Eloy Sobrido, incide na importancia desta proba para a localidade e a particularidade que presenta, por se desenvolver durante a noite. Na súa intervención quixo tamén agradecer o traballo da Asociación de Atletismo e Deportes do Barbanza, por se tratar do outro organismo promotor xunto co Concello, ademais da colaboración da Protección Civil.
Doutra banda, a técnica municipal dos Deportes, Ana Romero, apuntou que se lles entregarán trofeos ás/ós tres primeiras/os clasificadas/os por categoría e medallas ás persoas que compitan na sub-6 e sub-8. Outorgaránselles tamén premios económicos ós tres mellores tempos das distintas carreiras: 150 euros ó primeiro posto, 100 ó segundo e 50 ó terceiro.
Xa está aberto o prazo das inscricións, trámite que se debe efectuar no Departamento dos Deportes, situado na Casa da Cultura e xuventude Raquel Fernández Soler, en horario de 09.30 a 14.30 horas, cos teléfonos de contacto 981831545 e 619229946.




