A directora de AGADER visitou a sede de Amicos en Boiro

Na maña deste xoves 7 de setembro a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento
Rural (AGADER), Inés Santé, realizou unha visita institucional ao Centro de Atención Integral de Amicos en Boiro. Foi recibida por Pilar Sampedro, responsable de centros e Adriana Miguéns, usuaria de Amicos, que realizaron os labores iniciais de presentación da entidade e o seu funcionamento. Tras unha breve explicación, Santé foi guiada polas instalacións por outros membros de Amicos: Manuel Prado, residente do Fogar Amicos e Xoan España, director xeral.

Na súa estadía en Boiro puido comprobar de primeira man os servizos de apoio as persoas con discapacidade do rural, como tamén a transformación e evolución significativa das instalacións e servizos, un proceso de mellora que foi posíbel grazas á obtención financiamento de proxectos como os que AGADER impulsa (xestionados cos grupos de desenvolvemento rural, GDR).

Xoán España reivindicou que o centro é “un exemplo de sumar esforzos entre entidades privadas e públicas e así poder impulsar proxectos que teñan impacto positivo na sociedade”. O director lembrou que a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural foi unha “aliada moi importante” na época do inicio da construción da sede en Boiro.

Entre eses desafíos de futuro, Xoán España citou máis recursos para atender as persoas con discapacidade: “Aumentar o financiamento para continuar a formar laboralmente ás persoas con
discapacidade e seguir creando emprego vinculado ao mundo rural”.

Amicos atende na actualidade a máis de 900 persoas con discapacidade en toda Galicia, a maioría das
contornas rurais. O Centro de Atención Integral, situado en Comoxo (Boiro), botou a andar no 2009. A fase de construción comezou en 2010 e foi incorporando servizos paulatinamente ata o día de hoxe. Na actualidade as instalacións de Comoxo están inmersas nunha nova transformación e ampliación de espazos onde albergarán novas aulas de formación e tamén un novo edificio, o cal contará con 28 novas prazas residenciais, todas elas en habitacións individuais. En novembro de 2017 AGADER concedeu a Amicos o Premio de Desenvolvemento Rural de Galicia.