A coordinadora galega CEMMA organiza estes días unha exposición sobre mamíferos mariños e tartarugas na costa e nos arquipélagos. Pode verse no Auditorio de Vilagarcía até o 16 de setembro, en horario de mañá e de tarde.

O contido da mostra
Galicia conta con 1500 quilómetros de costa do Noroeste da Península Ibérica. Segundo explican dende a coordinadora, o medio mariño da nosa comunidade presenta “unha gran riqueza biolóxica e biodiversidade, por mor da súa gran produción primaria, que se reflicte nun grande número de especies en todos os niveis tróficos, e, xa que logo, de grandes vertebrados como son as tartarugas e os mamíferos mariños, contando con máis de 30 especies diferentes”. Algunhas destas especies son residentes no mar de Galicia e outras fan uso desta costa na súa dispersión e migracións. Para todas elas é importante a existencia de Areas mariñas Protexidas, como as augas do Parque Nacional.
A mostra, como dixemos, está instalada no Auditorio de Vilagarcía de Arousa entre os días 5 e 16 de setembro, en horario de 10-14 h e 18-21 h. Coa colaboración do Concello de Vilagarcía.

Conferencia: o sábado 16 celebrarase unha conferencia impartida polo doutor en Bioloxía Mariña e investigador da Universidade de Aveiro: Alfredo López. Membro fundador de CEMMA, no ano 1992, e actual responsable de educación ambiental da entidade. Entrada libre.
Simulacro de rescate: o domingo 17 celebrarase unha actividade de simulacro de rescate na praia de Canelas, Sobradelo, Vilagarcía, ás 11:00 h, participación para todos os públicos con inscrición en cemmasolicitude@gmail.com. Coa colaboración coa Asociación veciñal de Sobradelo.




