A patronal boirense (ABE) fixo balance dos recoñecementos destinados esta tempada á veciñanza que apostou polos seus establecementos de proximidade. Segundo indicou a entidade, xa chegaron a un centenar os premios entregados a través do sistema de fidelización, estreado a principios de ano para facer posíbel que os clientes dos establecementos asociados acumulen puntos coas compras realizadas e cambialos por agasallos (ademais de participar en sorteos e promocións especiais en datas sinaladas).

A data de hoxe xa son 100 os premios entregados a clientes dos negocios asociados que cambiaron os seus puntos acumulados na aplicación por agasallos do catálogo.
A ABE destacou que o agasallo mais solicitado polos clientes son os bonos ABE cun total de 44 solicitudes seguido polos auriculares sen fíos con 16. Como “curiosidade”, a ABE indica que o premio que mais puntos precisa (a maleta, con 500) xa está esgotado ao recibirse 8 peticións de cambio.
No seu balance a ABE explica que neste intre o sistema ten 2.219 usuarios activos que son clientes dos negocios asociados que rexistraron un total de 24.038 tíckets. Estes tíckets reportan o 10% do seu importe en puntos o que traslada unha inversión en torno aos 250.000€, neste apartado o usuario con mais puntos acumulados ten 2.103 e hai 300 usuarios con mais de 50 que é o mínimo para conseguir un agasallo.
Actualmente hai rexistros de todos os sectores sendo o tíckets mais baixo un de 10 céntimos dunha mercería e o mais alto unha factura de maquinaria para un barco bateeiro de 13.340 €. “Esta disparidade”, engade a patronal, “vén dunha das vantaxes do sistema, xa que é valido para calquera tícket ou factura de calquera negocio asociado con independencia do sector de actividade”.
A ABE salienta tamén que a estes 100 premios entregados por troco de puntos engádense todos os sorteados a través das campañas. Así, no que vai de ano foron 244 persoas as que recibiron premios directos cun montante total de 9.600 € en bonos ABE que repercutiron nos negocios asociados.
Valoración presidente
Como indica o presidente da ABE, Daniel García, “os resultados da posta en marcha deste sistema de fidelización son inmellorábeis e nos dan a razón sobre a necesidade de implantar ferramentas de dixitalización en materia de promoción comercial, xa que cada vez son mais os clientes que participan dos sorteos que propoñemos a través da nosa web, abe.gal”. Tamén destacou que “as campañas realizadas, como as Quincenas Fantásticas, cada vez teñen mais participantes, cada edición bate os récords de rexistros da anterior e o mesmo está pasando agora coa campaña de Volta ao Cole na que sorteamos 1.000€”.



