Este sábado a partir das 17.00 horas daranse cita en Vista Alegre (Boiro) oito equipos mixtos que representarán ás tantas parroquias boirenses para celebrar un torneo de fútbol por unha causa relevante e solidaria: recadar fondos para ASANOG.
Esta iniciativa, posta en marcha por un grupo de amigos da localidade, conta coa colaboración da Escola de Fútbol Municipal de Boiro e o propio Concello, así como de empresas, supermercados, comercios e asociacións.

Durante varias semanas, os organizadores repartiron huchas para recadar fondos e vendido rifas para o sorteo que se levará a cabo durante o torneo, de “máis de cen obsequios” doados para esta causa por empresas, comercios, hostalería e profesionais.
“Desde billetes de avión, unha tableta, ceas en diversos restaurantes da zona, lotes de produtos, vales de compra, lentes de sol, xamóns, vales de servizos ofrecidos por diversos profesionais… a xenerosidade da xente para esta causa foi incríbel. O noso agradecemento a todas e cada unha das persoas que nos están apoiando”, manifestaron desde a organización.
Os asistentes ao evento poderán seguir adquirindo rifas durante a tarde deste venres 4 de agosto para optar a algún dos agasallos. E se a sorte non lles sorrí, polo menos poderán gozar dunha xornada na que o deporte e a solidariedade únense por unha boa causa. “Animamos a todos os veciños, non só de Boiro, senón de toda a comarca, para que se sumen a esta festa onde haberá sorpresas e un ambiente de festa, ao que non faltará a presenza dun DJ”



