O proxecto “Enredadas” introduce o oficio das redeiras artesás galegas no ámbito dos complementos para mascotas

07 Agosto 2023

A nova colección de complementos para mascotas da marca pontevedresa The Painter’s Wife está elaborada por Redeiras Artesás de Corme, no marco do proxecto Enredadas, impulsado pola Xunta de Galicia. A colaboración é o resultado do último dos cursos de formación especializada dirixido ao
colectivo de redeiras artesás galegas, Integrando a artesanía no sector das mascotas, que se desenvolveu no porto de Corme (Ponteceso) entre os meses de maio e xuño deste mesmo ano.
Esta actividade formativa impulsada pola Fundación Artesanía de Galicia e pola Consellería do Mar e na que participaron oito redeiras artesás, estivo impartida por Rosana Agrelo e Sara Prieto. O seu obxectivo era a creación dunha colección cápsula de colares e arneses para cans, realizados integramente á man, empregando materiais procedentes das artes de pesca.
Esta nova colección de complementos para mascotas de Artesanía de Galicia estará á venda na tenda en liña de The Painter’s Wife e estará dispoñible tamén no mercado Le Bon Marché de París, onde a marca The Painter’s Wife contará cunha tenda temporal durante os meses de setembro e outubro. Neste espazo está previsto que as Redeiras de Corme realicen unha exhibición do seu traballo e unha personalización de correas nestes exclusivos grandes almacéns parisienses, con motivo da inauguración desta tenda a finais de agosto.
The Painter’s Wife é unha marca de roupa e accesorios para cans e os seus donos fundada por unha especialista en moda e arte e mais un veterinario que conseguen trasladar ao lifestyle canino a filosofía e as necesidades dos seus donos de hoxe, cun enfoque divertido e contemporáneo. Desde o seu lanzamento, este proxecto traballa con materiais sustentables e da máis alta calidade, na súa maioría de orixe e produción local.
Nesta ocasión, incorporan ademais o traballo do colectivo das redeiras, un oficio de fonda tradición na costa galega que está amparado ademais pola marca Artesanía de Galicia.

Enredadas
Enredadas é un proxecto de boas prácticas impulsado pola Consellería de Economía, Industria e Innovación e pola Consellería do Mar desde o ano 2012 e enfocado a diversificar o traballo das redeiras artesás galegas, para lles facilitar a apertura de novas oportunidades de negocio a través doutros ámbitos como a moda, os complementos e a decoración, ao que agora se lle engade o ámbito das mascotas. A través de cursos de formación especializada e continuada, redeiras artesás de diferentes localidades galegas tiñan a posibilidade de acadar unha renovación desta actividade tradicional ao tempo que
un incremento dos seus ingresos.
Os obxectivos do proxecto Enredadas son poñer en valor o traballo das redeiras artesás e do seu oficio, apoiando a diversificación da súa actividade profesional, mellorar a súa situación económica, fomentando a súa estabilidade laboral e incorporando novas redeiras ao sector. Búscase tamén fomentar a colaboración intersectorial que lle abra as portas ás redeiras dun mercado contemporáneo, introducir novos materiais e mellorar as técnicas e a calidade dos produtos elaborados. Enredadas contribúe a potenciar o valor social do oficio das redeiras, aposta pola sustentabilidade e pola economía circular, apoia a comercialización dos novos produtos e a promoción do propio proxecto.
Grazas a este proxecto, a Fundación Pública Artesanía de Galicia foi galardoada como exemplo de boas prácticas co Premio Promociona para Entidades Públicas na XI edición dos Premios Nacionais de Artesanía 2016.

Outros artigos

ADEGA di que maquinaria pesada arrasou unha zona dunar de Aguiño

ADEGA vén de emitir un comunicado no que a asociación ecoloxista galega pon o foco nunha praia de Aguiño onde, segundo din, vénse de arrasar un hábitat de gran relevancia para cría da píllara das dunas. Sinalan que dende o pasado sábado, 6 de xuño, nas vésperas do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...