O Parque da Cachada acolle o vindeiro sábado 19 de agosto a cuarta edición da Romaría das Peñas que organiza Peñas Boiro AC e que conta coa colaboración do Concello de Boiro. A concelleira de Cultura, María Outeiral, acompañou na presentación do programa ao presidente da asociación, David Laíño, e outros membros da directiva.
A IV edición da Romaría das Peñas dará comezo ás 14.00 horas cunha sesión vermú a cargo do dúo La Mecánica e unha comida peñeira para a que se precisa inscrición previa contactando coa organización. Pola tarde, a partir das 16.30 horas, haberá unha festa da espuma para nenos e nenas e ás 17.00 horas darán comezo os xogos peñeiros e inchables.
Ás 19.00 horas comezará a sesión DJ con DJ Quin, Manu X, Kike Varela, Goxi de Bao, Mateo F e Meu Cariño e haberá festa holi e festa da escuma para todos os públicos. “Esta é xa a cuarta edición desta romería que busca continuar a tradicional festa das peñas que cada ano se celebra o luns das festas”, afirmou David Laíño.
A concelleira de Cultura, María Outeiral, convidou á veciñanza a asistir a esta romaría de peñas que ten actividades para todos os públicos.
“As asociacións fan un gran traballo para programar eventos e actividades como esta e dende o Concello intentamos aportar sempre o noso gran de area para que teñamos actividade cultural que dinamice o municipio”, recoñeceu.




