O Noia Harp Fest acolle esta fin de semana a estrea mundial de tres composicións interpretadas pola Real Filharmonía de Galicia e SonDeSeu

04 Agosto 2023

As mulleres arpistas serán protagonistas na recta final do Noia Harp Fest. Oito mulleres destacan na programación para este sábado 5 e domingo 6 de agosto, xornadas nas que o Festival Internacional de Arpa Vila de Noia pechará a celebración da súa décima edición. Elisabeth Cerra, Claudia Besné, Beatriz Cortesão, Musgö, Begoña Riobó, Laoise Kelly, Mary Macmaster e Beatriz Martínez actuarán nos recitais aos que o público poderá asistir tanto o sábado coma o domingo no Teatro Coliseo Noela e na Praza do Tapal. Ambos espazos acollerán, ademais, a estrea mundial de tres creacións: Hibrys, de Alejandro Civilotti, gañadora da primeira edición do Premio Portus Apostoli; e as suites Micelio e Escumas Atlánticas, escritas por Anxo Pintos e Rodrigo Romaní, respectivamente.

O sábado 5, o Noia Harp Fest e a Asociación Española de Arpistas (AEDA) renderán unha homenaxe especial a Nicanor Zabaleta, considerado o mellor intérprete do instrumento, no seu 30º cabodano. A cita, que terá lugar a partir das 19:00 horas no Teatro Coliseo Noela, estará guiada pola galega Alba Barreiro, que abordará vida e obra de Zabaleta. No concerto participarán dúas arpistas integrantes da Joven Orquesta Nacional de España: Elisabeth Cerra e a vasca Claudia Besné, membro tamén da Neue Philharmonie Munchen.

De seguido, contra ás 21:30 horas, e xa na Praza do Tapal, terá lugar a primeira das tres estreas mundiais que haberá esta fin de semana no Noia Harp Fest: Hibrys, do compositor hispano-arxentino Alejandro Civilotti, e que foi a obra gañadora da primeira edición do Premio Portus Apostoli -certame convocado polo NHF e o Concello de Noia-. A peza será interpretada pola Real Filharmonía de Galicia, dirixida polo galego Maximino Zumalave, e coa arpista portuguesa Beatriz Cortesão como solista. O repertorio da cita tamén contará con obras de Bach e Beethoven.

A última xornada da décima edición do Noia Harp Fest comezará ás 19:00 horas do domingo 6 de agosto cun concerto da arpista, cantante e artista multidisciplinar andaluza Musgö, especialista en arpa eléctrica e looping ao vivo. O seu traballo é unha mestura de contemporáneo e vintage, cunha posta en escena atrevida e elegante que se poderá ver no Teatro Coliseo Noela. A creadora presentará algúns avances do seu novo disco, Un sendero, que verá a luz proximamente. Finalmente, o broche dourado do evento chegará da man da orquestra de folk de Galicia. SonDeSeu estreará na praza do Tapal, a partir das 21:30 horas, dúas novas composicións creadas especificamente para este concerto: serán as suites Micelio, de Anxo Pintos, que contará coa participación de Begoña Riobó, e Escumas Atlánticas, de Rodrigo Romaní, na que participarán Laoise Kelly, Mary Macmaster e Beatriz Martínez.

O Noia Harp Fest, organizado pola asociación homónima e Nalgures Producións, conta co patrocinio da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia, do Concello de Noia e da distribuidora musical Altafonte. Tamén colaboran nesta edición o Liceo de Noia e a Asociación de Española de Arpistas. Para máis información, pódese visitar www.noiaharpfest.gal.

AXENDA NOIA HARP FEST

Sábado 5 de agosto

Teatro Coliseo Noela, 19:00 horas | Homenaxe Nicanor Zabaleta con Elisabeth Cerra e Claudia Besné.
Praza do Tapal, 21:30 horas | Real Filharmonía de Galicia con Beatriz Cortesão. Estrea de Hibrys (Premio Portus Apostoli)

Domingo 6 de agostoTeatro Coliseo Noela, 19:00 horas | Musgö.
Praza do Tapal, 21:30 horas | SonDeSeu + convidadas. Estrea das suites Micelio e Escumas Atlánticas.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Ti, morena, quen es?”. Luís Celeiro

“Ti, morena, quen es?”. Luís Celeiro

Son eu, señor capitán deste navío mercante! Eu son unha muller de mundo, ando polo mundo senrumbo e sen sosego. Estou embarcada neste buque e quero saber para onde imos, cantos e cantassomos, como viviremos o que nos queda de mar e quen seremos ao regresar á terra, se...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.