O Concello de Ribeira recibiu este luns 14 de agosto pola mañá aos nenos saharauís do programa Vacacións en Paz que están a realizar unha estadía de verán no termo municipal. Vacacións en Paz é un programa de acollemento temporal en familias promovido e xestionado por Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS) en coordinación coas autoridades da RASD República Árabe Saharauí Democrática.

O alcalde de Ribeira, Luís Pérez, e a concelleira de Educación, Formación, Igualdade, Diversidade e Atención ás Parroquias Cruz Rivadulla recibiron no salón de plenos do Concello ás crianzas acollidas por distintas familias de Ribeira. Rexedor e edil fixéronlles entrega de material escolar a modo de agasallo.
Os rapaces chegaron o 17 de xullo e estarán en Galicia ata a primeira semana de setembro.
Os principais obxectivos do programa VEP son posibilitar que nenos/as de entre 8 e 12
anos non sufran as altas temperaturas que no verán se dan nos campamentos de refuxiados no deserto do Sáhara e garantir que se realicen revisións médicas e tratamentos cando é necesario, así como tamén contribuír a unha alimentación saudábel e variada.


“Agardamos que a súa estadía no noso concello permita que participen en actividades deportivas, culturais, de tempo libre; integrándose na vida das familias de acollida e as súas comunidades.”
expresou Cruz Rivadulla.
Pola súa parte, o alcalde destacou a importancia do programa á hora de achegarnos á cultura saharauí. “Agardamos que o Sáhara sexa libre e que pronto poidan desfrutar dunha vida plena no seu territorio”.



