Este xoves 17 de agosto a agrupación do Bloque Nacionalista Galego de Ribeira vai organizar un acto conmemorativo, a partir das 18.30 horas, con motivo do Día da Galiza Mártir. En concreto, o grupo levará a cabo a tradicional homenaxe ás persoas que caeron polo noso pobo na rúa Alexandre Bóveda (intelectual galego asasinado en Poio, Pontevedra, o 17 de agosto do 1936, un dos principais impulsores do Partido Galeguista) e a continuación na rúa Manuel Lustres Rivas (político, xornalista e escritor de Ribeira asasinado en novembro 1936 logo de ter sido encarcerado na illa de San Simán; en 1986 foi declarado Fillo Ilustre de Ribeira).




