Este sábado 12 de agosto vaise celebrar en Porto do son a Andaina do Polbo. A actividade deportiva (e tamén cultural, turística e de lecer) chegou ao ecuador desta semana con todas as prazas esgotadas, o que, segundo informou o Concello (organizador da iniciativa a través da marca Infinitamente Natural), reflicte o interese que ten Porto do Son, a súa paisaxe, o seu patrimonio e a gastronomía local para visitantes pero tamén para residentes. A andaina constitúe un percorrido dende Boiro a Porto do Son, de 27 quilómetros e dificultade moi alta. A saída está fixada para as 8.00 horas deste sábado, dende a fachada marítima sonense.




